O ReactivAmes supón un investimento local de 7 millóns en 99 iniciativas para reactivar a economía

433

O Goberno presentou o Plan ReactivAmes, que conta con 99 medidas de reactivación económica e social para o concello de Ames. Para desenvolver dito Plan o Concello de Ames destina 7.071.620 euros. Dentro de ditas medidas inclúense 57 medidas de inversión en obra pública, 13 medidas de promoción económica, 12 medidas de índole social, 6 medidas no ámbito tecnolóxico, 4 medidas relacionadas coa administración e Goberno local, 4 medidas fiscais e 3 medidas de seguridade e saúde. Dende o pasado mes de maio está activo un portal web informativo do Plan ReactivAmes, onde se recollen as medidas locais e medidas económicas que xa se adoptaron e que se irán executando no concello de Ames ante a nova realidade económica e social derivada da crise sanitaria da Covid-19.

O Concello de Ames co fin de protexer o emprego, axudar aos máis vulnerables, apoiar ao tecido empresarial local na recuperación da crise económica provocada polo Covid -19 e, en consecuencia, devolver, canto antes, ao municipio a unha situación de normalidade, pon en marcha un plan de choque que recolle iniciativas para paliar ou mitigar as consecuencias económicas e sociais que se xeren por causa da devandita situación e permitan soster o tecido produtivo, minimizando o impacto e facilitando que a actividade económica recupérese canto antes.

O Plan ReactivAmes contén 7 eixes de actuación: seguridade e saúde; promoción económica; administración e goberno local; tecnolóxico; fiscal; inversión en obra pública; e social. 

No ámbito de seguridade e saúde preténdese facer do municipio de Ames un entorno seguro para  a cidadanía e os visitantes, reducindo  ao mínimo o risco de infección nos espazos públicos. Para elo vanse investir 175.000 euros en dúas liñas de  axudas; a primeira para financiar gastos de reparación e conservación para a adaptación de establecementos ás medidas Covid-19; e a segunda para financiar a compra de materiais antiséptico ou desinfección, produtos hixiénicos e de limpeza. Tamén se vai elaborar un Plan específico de desinfección de todos os espazos públicos “Ames espazo seguro”. 

No ámbito da promoción económica quérese incentivar o consumo, a actividade económica e o emprego no concello. Este eixo dispón de 13 medidas nas que se investirán 907.347 euros. Algunhas das medidas son a ampliación da superficie de terrazas; axudas para sufragar os gastos de arrendamentos e canons, primas de seguros e subministracións dos locais comerciais de Ames co obxectivo de facer fronte ás consecuencias derivadas da COVID-19; dinamización social e cultural do espazo público; axudas para a rehabilitación de locais a granel; campaña de comunicación para incentivar o comercio local e a pertenza ao concello; creación de bonos para incentivar o consumo no comercio local de Ames.

Axilizar os procedementos administrativos

Dentro do eixe de administración e goberno local vanse a axilizar os procedementos administrativos que inciden na actividade económica municipal. Este eixo dispón de catro medidas (axilizar os trámites de concesión de licenzas administrativas e trámites administrativos; priorizar e axilizar o pago a provedores; contratación de persoal para axilizar a concesión, xestión e seguimento de axudas; contratación de persoal para reforzar os servizos sociais do Concello) nas que se investirán 81.728 euros.

Por outra banda, dentro do ámbito tecnolóxico tratarase de facilitar o emprego das tecnoloxías como ferramentas de traballo e/ou de mellora da actividade económica. Conta de 6 medidas para a transición cara a comercio en liña ou optimización do existente; control, xestión de citas e aforo en todas as actividades, locais comerciais, edificios públicos; instalación de wifi en espazos públicos; paneis dixitais informativos; portal/directorio comercial; Innov@mes, nas que se investirán 328.200 euros.

No eixo fiscal vaise facilitar a continuidade da actividade económica das empresas, tratando de reducir as súas cargas tributarias na medida do posible. Neste eixo tamén se contemplan 4 medidas para a aprobación de fraccionamentos e aprazamentos para taxas e prezos públicos; aprobación de fraccionamentos e aprazamentos para taxas e prezos públicos; derrogación da ordenanza fiscal que regula a taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa; e ampliación de bonificacións no IBI para empresas – fomento do emprego.

A inversión en obra pública absorve o 55% do orzamento e supón 57 das 99 medidas

No eixo de inversión pública preténdese promover o mantemento e creación de postos de traballo directos e a dinamización económica derivada a través da dinamización e reforzo da inversión en obra pública. Neste eixo contémplase a execución de 57 medidas. O investimento previsto en obra pública é de 5.393.554 millóns de euros que proveñen, fundamentalmente, de fondos propios, fondos da Deputación de A Coruña e fondos europeos FEDER, a través do Plan Impulsa Ames da EDUSI. Actualmente, o 55% do orzamento total xa foi executado ou estase a executar (61% das obras previstas), sendo un total de 19 empresas do concello as entidades adxudicatarias.

Por último, no ámbito social quérese garantir a atención das necesidades sociais de toda a poboación de Ames. Este ámbito contempla a realización de 12 medidas por valor de 185.789 euros. Algunhas desta medidas son axudas de emerxencia social; renda municipal básica; reforzo do servizo de axuda no fogar; posta en funcionamento de teléfonos gratuítos; reparto de alimentos a familias e atención a nenos e nenas de comedores escolares en exclusión; atención a maiores; axuda psicolóxica; modificación da ordenanza de axudas para anticipos de caixa; posta en marcha da nova canle Ames saudable para o confinamento, entre outras.