A Oficina de Voluntariado de Ames informou onte de que o roupeiro municipal xa arrincou o novo curso e faino cunha campaña para recoller roupa para nenos e nenas entre os 8 e os 16 anos. Lembran que “agora mais que nunca, é precisa roupa en bo estado e en bolsas pechadas ou caixas precintadas”. Falta especialmente calzado dende o número 34 ata o 44, mochilas, estoxos, roupa e calzado deportivo (tamén do número 34 ao 44) para adolescentes e roupa para adultos (tallas grandes).
Situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova, o roupeiro municipal almacena a roupa recollida nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro para a súa posterior distribución entre as veciñas e veciños que a solicitan. A través deste servizo faise fronte ás necesidades básicas de roupa, calzado e aveños das persoas con menos recursos do concello. As persoas voluntarias son as principais responsables do funcionamento deste servizo que está en marcha dende o ano 2003 para atender este tipo de necesidades.
Pódese doar roupa tanto na Casa da Cultura do Milladoiro, os martes e venres en horario de mañá (9-14h), como na Casa da Cultura de Bertamiráns, os luns, mércores e venres, no mesmo horario. A partir de agora non é necesario sacar cita previa para poder entregar roupa nas Casas da Cultura. Para máis información pode chamarse ao teléfono 662 377 044 de 9 a 14h ou escribir a voluntariado@concellodeames.gal.