O xurado da décimo sexta edición do Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames ditaminou que o mellor escaparate de Nadal do concello foi o de Peluquería Blanco y Negro, no Milladoiro. En segunda posición quedou Kiérete Peluquería, tamén do Milladoiro. A terceira posición foi para PC Bertamiráns Informática, mentres que a cuarta posición foi para Carnicería Sigüeiro, do Milladoiro. O primeiro premio é de 1.400 euros; o segundo, de 1.000 euros; o terceiro, de 600 euros, e o cuarto, de 400 euros.
O xurado valorou os escaparates participantes pola súa capacidade de atracción e xeración do desexo de compra, en base aos criterios de composición e deseño, tendo en conta, ademais, a orixinalidade e a elaboración propia. Do mesmo xeito, valorouse a utilización de elementos propios do obxecto de venda da actividade e materiais de refugallo. Participaron 29 establecementos do Milladoiro e de Bertamiráns.
O xurado do XVI Concurso de Escaparates Concello de Ames Nadal 2021 estivo composto por Roberto Amarelle Garabán, en representación da Agrupación de Protección Civil de Ames; Martín Larre, en representación do voluntariado do Concello de Ames; e Félix Caramés Blanco, en representación da Unión de Consumidores de Galicia. Cómpre destacar a gran igualdade entre os establecementos participantes, tal e como se demostra na mínima diferencia de puntos que existe entre os catro premiados: Blanco y Negro con 48 puntos, Kiérete con 45 puntos, PC Bertamiráns con 44 puntos, e Carnicería Sigüeiro con 43 puntos.
Entre os establecementos gañadores repártese un total de 3.400 euros, o que supón un aumento de 900 euros con respecto á dotación da edición anterior. Nesta edición reduciuse o número de establecementos galardoados de cinco a catro. Os establecementos galardoados gozarán tamén de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo, a determinar de acordo coas necesidades de programación da radio municipal.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu “o labor do xurado, que participou desinteresadamente na elección dos mellores escaparates da décimo sexta edición deste concurso. A elección dos establecementos gañadores foi moi complicada debido ao alto nivel dos escaparates expostos, tal e como demostra a igualdade que hai nas puntuacións dos establecementos. Tamén teño que agradecerlle aos establecementos a súa implicación, xa que ano tras ano se presentan o concurso de escaparates”.
