O servizo de Teleasistencia da Deputación da Coruña xa chega a 2.900 persoas, 50 en Ames

197

Son xa 2.903 persoas as que se benefician do servizo de Teleasistencia domiciliaria que a Deputación da Coruña presta aos 90 municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes, todos a excepción das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol. Durante o último ano o servizo de Teleasistencia da Deputación atendeu desde a súa central situada no polígono de A Grela (A Coruña) 127.843 chamadas e rexistráronse 333 novas altas, polo que o número de usuarios a día de hoxe alcanza os 2.903.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que “o ano pasado, despois dos meses máis duros da pandemia, eran 2.600 as persoas que se beneficiaban deste servizo, agora son 2.900 e, como dixen naquel momento, o noso obxectivo é seguir crecendo ata chegar aos 3.300 usuarios e usuarias”. González Formoso valora “a importancia deste servizo, do que estamos profundamente orgullosos porque sabemos que é útil e mellora a vida da xente, para acompañar aos nosos maiores que viven sós e dar tranquilidade ás súas familias, que saben que se pasa algo hai alguén pendente ao outro lado do botón vermello durante as 24 horas do día” e destacou “o gran traballo que realizan as operadoras”. “Sodes un deses servizos esenciais aos que tanto temos que agradecer o seu esforzo durante esta crise”, afirmou.

Durante a crise do coronavirus a Deputación reforzou o servizo e simplificou os trámites para acceder de forma urxente á Teleasistencia, que é gratuita para os usuarios, cuxo perfil tipo é o dunha muller maior de 80 anos que vive soa, aínda que tamén hai unha pequena porcentaxe correspondente a persoas con algún tipo de diversidade funcional. “Nunha provincia caracterizada polo envellecemento da poboación, especialmente no ámbito rural, cremos que é fundamental ofrecer un servizo como este”, sostén a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, que lembra que a Deputación segue ofrecendo o servizo de Teleasistencia ás persoas que o demanden a través dos servizos sociais dos concellos. Carballo, con 166 persoas usuarias, Narón (156), Ribeira (96), Arzúa (85), Malpica (81), Melide (78), Teo (76) e Oleiros (73) son os municipios que contan con maior número de beneficiarios do servizo de teleasistencia en toda a provincia, Ames conta con 50 usuarios e usuarias.

Bo día, Josefina chámolle da Teleasistencia da Deputación”. Así comeza Rocío, teleoperadora do servizo de teleasistencia provincial, unha das 500 chamadas de de control que ela e as súas compañeiras realizan cada día desde a central. Rocío interésase sobre se a persoa descansou ben, tomou a súa medicación e se atopa en bo estado de saúde, mentres apunta nun programa informático cada detalle que o seu interlocutor lle vai contando a través do intercomunicador que leva consigo as 24 horas do día, co que se crea un expediente individualizado de cada usuario, que permite un seguimento máis completo e eficaz.

Dende lembrarlles a hora da medicación ou unha cita médica ata felicitarlles polo seu aniversario ou interesarse polo seu estado de saúde, os usuarios reciben periodicamente chamadas de control dende a central, onde tamén se reciben as súas chamadas no caso de emerxencias ou accidentes ou, simplemente de que o usuario “quera falar con nós e preguntarnos cómo estamos”, explica Ana Varela, a responsable da central de teleasistencia provincial. A través dun pequeno botón que os usuarios levan sempre consigo e que incorpora unha liña de conexión telefónica permanente coa central, as persoas maiores dos concellos coruñeses que se benefician deste servizo dispoñen dun seguemento periódico para dar resposta inmediata ás súas necesidades e emerxencias de forma ininterrumpida. Teléfono de información de Teleasistencia Deputación: 900 533 027