O Setembro Lúdico permite conciliar ás familias de 107 nenas e nenos de Ames

189

Entre o 1 e o 8 de setembro desenvólvese o programa de conciliación Setembro Lúdico da Concellería de Educación. Durante esta semana un total de 107 nenas e nenos participan no programa, divididos entre os 55 do CEIP da Maía, 27 do EEI Milladoiro e 25 no CEIP de Ventín. Esta iniciativa busca ofrecer un abano de actividades educativas e culturais para as nenas e nenos de familias que procuran a conciliación familiar e laboral. As actividades teñen lugar en horario de mañá, de 9h a 14.30h. Hai un servizo de almorzo ás 7.30h e outro de xantar ás 16h.

O concelleiro de Educación, David Santomil, salientou que esta nova edición do Setembro Lúdico recupera inscricións. “Afrontamos unha nova edición do programa Setembro Lúdico cumprindo con todas as medidas de prevención e seguridade fronte á COVID. Así mesmo, o número de alumnado inscrito xa comeza a recuperar o volume anterior á pandemia, acollendo a máis dun cento de nenos e nenas en tres centros escolares públicos”, explicou.

Esta edición do Setembro Lúdico ten como obxectivo traballar a inclusión das persoas con diversidade funcional a través dunha visión positiva baseada nos principios de equidade, cooperación e solidariedade. Para conseguilo os nenos e nenas recibirán a visita de dúas persoas en representación da Axencia de Control da Accesibilidade. Estes axentes pertencen á unha organización que loita contra duns seres chamados “normalizadores” que pretenden transformar o mundo nun lugar máis aburrido e ausente de variedade e diferentes puntos de vista. O obxectivo destes axentes será o de realizar unha serie de probas na busca daquelas cousas que fai diferente e especial aos nenos e nenas do programa.

Os cativos e as cativas imaxinarán como é o día a día dunha persoa con diversidade funcional ou as barreiras ás que debería enfrontarse a diario para despois inventar posibles solucións. Ademais, analizaranse xogos populares como as agachadas ou a pita cega para adaptalos ás diferentes necesidades e convertelos en xogos máis inclusivos. Finalizarase a proposta cun gran xogo en que os nenos e nenas deberán superar retos cos ollos vendados, descifrar mensaxes en braille, pintar coa boca, subir ramplas cunha soa perna, etc; toda unha xincana para conseguir o seu carné de Axente de Control da Accesibilidade.