O toque de queda adíase ás 23h dende o venres

270

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe as novas medidas acordadas polo comité clínico de expertos sanitarios, entre as que destacou as relacionadas co toque de queda, as residencias de maiores e a hostalería.

Logo de precisar que todas as decisións acordadas entrarán en vigor a partir deste venres 16 de abril, Feijóo confirmou que Galicia seguirá apostando por unha apertura “progresiva, puntual e proporcional”, tendo a prudencia como máxima.

Así, subliñou que o toque de queda pasará das 22 ás 23 horas, ademais de trasladar a decisión de manter o peche perimetral da Comunidade ante o incremento da incidencia nalgunhas comunidades de España.

En segundo lugar, aseverou que a Administración autonómica continuará coa progresiva apertura das residencias de maiores. Deste xeito, se cada residente podía recibir tan só a visita de dúas persoas de referencia, a partir de agora poderá volver ver a os seus achegados e familiares, sempre de un en un, con cita previa e de acordo aos protocolos establecidos. Ademais, os residentes poderán saír ata tres veces por semana, cunha duración de catro horas por saída.

En relación á hostalería, o presidente da Xunta precisou que se manterá como tope para a apertura dos bares as 21 horas, se ben os locais de restauración poderán servir ceas ata as 23 horas, sempre e cando se cumpran os requisitos que sairán publicados no DOG, entre os que destacan: contar con licencia de restaurante, funcionar con cita previa e conservar un rexistro de clientes, e garantir a calidade do aire mediante o control do CO2 do local.

Por último, e diante do previsible fin do estado de alarma e da posibilidade de que o Goberno central recorra ante o Tribunal Constitucional a “lei de xestión da pandemia que aprobou o Parlamento galego”, Feijóo manifestou a incerteza que xera este escenario para seguir xestionando con rigor e con seguridade xurídica.

“Non é de recibo. Estamos moi sorprendidos con esta situación”, abundou, afirmando que o Goberno galego seguirá traballando en base a aperturas graduais e medidas e apostando pola vacinación.