O traballo social esixe á Xunta medidas de acompañamento e de protección para o servizo no fogar

313

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) lamenta que non se están a “tomar medidas de prevención e protección social” que de carácter “urxente” se debían estar aplicando tras o peche dos centros de día e os centros sociocomunitarios, o peche de centros escolares e a imposibilidade de ingreso en centro residencial para persoas maiores e menores, medidas todas elas decretadas pola Xunta de Galicia para a prevención da extensión e contaxio do virus COVID-19. O traballo social galego advirte de que “a atención social de persoas en fraxilidade, da cobertura ordinaria das súas necesidades mais básicas de subsistencia, que as protexe de situacións de claudicación ou ansiedade, queda interrompida”, unha “interrupción abrupta que pode derivar en situacións de moita gravidade”.

O COTSG amosa tamén a súa preocupación porque a Xunta non estea “tendo en consideración o servizo de axuda no fogar (SAF)”A Xunta de Goberno asegura ter “constancia” de que “non todas as empresas prestadoras de SAF poñen a disposición das auxiliares as medidas de prevención para o contaxio e propagación do coronavirus”. Sobre esta cuestión engaden que “se ben é certo que a xestión directa do SAF correspóndelle ás entidades locais, tamén é certo que a Xunta e as Deputacións teñen a obriga de asistir aos concellos tanto a nivel técnico como material”. Reclaman que “esta asistencia debería ser inmediata e coordinada”.

Para o COTSG o “peche de centros de día provoca unha serie de situacións de emerxencia que non se están a resolver”. Citan entre estas “persoas sen rede de apoio cunha dependencia moderada a alta que non poden acudir ao centro de día e non teñen garantida a alimentación básica ou aseo nos próximos 15 días”. Engaden, tamén persoas con coidadores de “avanzada idade ou con outras discapacidades que non poden soster por 15 días as atencións que precisan”.

Ademais, o COTSG cre que “a imposibilidade de executar ingresos residenciais impide que persoas que se atopen en emerxencia social poidan acceder ao recurso que precisan” , o que “provoca a ocupación de camas nos centros hospitalarios (que hai que liberar) ou situacións de extrema gravidade e risco nos domicilios”. Do mesmo xeito subliñan que o peche de centros educativos deriva en que “existan proxenitores que, pola falta de rede social con profesións que non interrompen a súa actividade laboral, teñan serias dificultades para prestar a precisa atención e garantir o illamento e benestar das persoas menores ao seu cargo”.

Reclamacións á Xunta
O traballo social cre que se están a “obviar as medidas de acompañamento social que deben ir parellas aos peches de centros e servizos de xeito inminente”. O COTSG solicita unha serie de medidas, entre as que inclúen a creación de Mesas de Coordinacion Sociosanitarias con todos os axentes implicados (persoal da Xunta, Sergas, Servizos Sociais Comunitarios e Específicos) para artellar un plan de emerxencia social, integrar ás xefas de servizo de traballo social dos ámbitos sociais sanitarios no comité de crise, regular os servizos mínimos na axuda no fogar dotando ás persoas traballadoras do material de protección necesario, ou un servizo de reparto de alimentos para as persoas con necesidades especiais. Tamén reclaman permitir o ingreso en centros residenciais das situacións de emerxencia social, habilitar un teléfono específico de atención social, crear protocolos de atención en situacións urxentes non sanitarias derivadas do illamento e ofrecer orientacións básicas homoxéneas a todas as profesionais do social.