O V Trail e Andaina Ribeiras do Tambre deste domingo, 17 M, superará os 500 participantes

93

Este xoves 14 pechou o prazo de inscrición para o quinto Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que se celebra este domingo 17 entre Ponte Maceira e as instalacións do Real Aeroclub de Santiago.

Nesta ocasión bateuse o récord de inscricións de todas as edicións previas: rexistráronse no evento 522 persoas, que escolleron maioritariamente o trail-running como disciplina. Haberá 362 participantes nesta modalidade (247 no trail longo, e 115 no trail curto), mentres que outras 160 persoas tomarán a saída da andaina.

A Ponte Maceira será o punto de saída, tanto para o trail como para a andaina. Ás 10:00 horas sairán os participantes no trail, que percorrerán unha distancia de 16 quilómetros. A meta estará instalada no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións que teñen na parroquia de Piñeiro. Cinco minutos despois, ás 10:05 horas, procederase á saída da andaina. Neste caso, a meta é a mesma e a distancia un pouco menor, duns 15 quilómetros aproximadamente.

Premios
Outorgaranse premios para os tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría, ademais de premios aos tres primeiros clubs da clasificación do trail (tanto o longo como o curto). Así mesmo, todos os participantes levarán un agasallo técnico pola súa participación (que poderán recoller xunto ao dorsal de competición antes de coller os autobuses). A entrega de premios levarase a cabo a partir das 12:45 horas nas instalacións do Real Aeroclub.

Categorías
No trail longo haberá catro categorías: sénior masculino e feminino (persoas que teñen 18 anos cumpridos o día da proba), máster 1 masculino e feminino (persoas de 35 a 40 anos), máster 2 masculino e feminino (persoas de 41 a 49 anos) e máster 3 masculino e feminino (persoas de 50 ou máis anos). Por outra banda, no trail curto establécense tres categorías: sénior masculino e feminino (nado en 2006 e anteriores), sub16 masculino e feminino (nados en 2009 e 2010) e sub18 masculino e feminino (nado en 2007 e 2008).

Pola contra, na andaina non se establecerán categorías de participación, pero os menores de idade terán que ir acompañados en todo momento por un adulto maior de 18 anos. A idade mínima de participación na andaina será de 12 anos.