O violinista Anxo Gómez, recibido no Concello

212

Todos os integrantes da Corporación local, encabezados polo alcalde de Ames, Blas García, recibiron onte na Casa do Concello ao veciño amesán Anxo Gómez Piñeiro, que vén de recibir unha mención de honra pola súa participación no Concurso Internacional Violin Competition, na categoría de menores de 21 anos.

Gómez Piñeiro, que foi o participante máis novo e o único español do certame, tivo que superar tres rondas antes de pasar á final, unha preliminar e dúas presenciais, lidiando cunha programación moi complicada e interpretando obras que requiren dunha gran técnica. Fíxoo acompañado pola súa profesora no Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela, Yulia Petrushevsksya, primeiro violín na Real Filharmonía de Galicia.

O violinista amesá, que cursa terceiro de profesional e xa conta con numerosas distincións e premios ás súas costas, contou que o concurso supuxo todo un reto para el, posto que “tiña que aprender sete obras novas, estiven estudando oito horas diarias durante todo o verán” e aproveitou para “agradecerlle ao Concello todo o apoio”.