O XII Campionato de Galicia 5K Ruta busca devolver a normalidade ao deporte este sábado en Bertamiráns

123

O XII Campionato de Galicia 5K Ruta xuntará a 400 atletas federados o próximo domingo, día 26. A proba realizarase nun circuíto urbano homologado que comezará e acabará na rúa alcalde Lorenzo de Bertamiráns. O evento presentouse hoxe coa presenza do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de deportes, Susana Señorís.

A edil de Deportes agarda que a proba permita “coller ritmo deportivo” en Ames. Pola súa banda, o presidente da Federación galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, amosou a súa satisfacción por “volver ás competicións de ruta” e gabou a Ames como “un concello que aposta polo deporte, polo Atletismo e nun circuíto fermoso, do agrado dos atletas”.

O alcalde de Ames, Blas García, adiantou que traballarán porque o municipio “se converta nun centro onde veñan atletas de toda Galicia”. Sinalou que se está a traballar para “poñer en marcha novas instalacións para a práctica do atletismo no vello campo de fútbol de Ventín, en Biduído”. O rexedor amosouse satisfeito “por estar dando pasos para volver á normalidade”

Circuíto urbano
A proba desenvolverase nun circuíto urbano homologado que parte da rúa Alcalde Lorenzo, preto da praza do Concello, continúa pola DP-0205 até a vía de servizo da depuradora (Vía transversal ao Río Sar), despois pasa pola Urbanización Agro do Muiño con dirección á DP-0205 de volta e chega de novo á rúa Alcalde Lorenzo, preto da da saída, onde estará marcada a liña de meta. As saídas terán lugar a partir das 10:30. Farase unha serie coas 10 mellores marcas de inscrición. O resto dos participantes agruparanse polas súas categorías.
Os tres primeiros atletas clasificados en cada unha das categorías recibirán unha medalla conmemorativa.

Durante a celebración das probas aplicarase o protocolo COVID-19 establecido pola FGA que inclúe o aforo controlado por zonas e diversos controis polo circuíto.