O xurado do Canta con Ames escolleu semifinalistas

302

O xurado do Canta con Ames escolleu xa que concursantes chegarán ás semifinais do 28 de xullo. Desta maneira, o órgano composto polos veciños Ángel Tames Andul, Inés Suárez Rey e María Eva Sebe García xa ten decidida a lista de 20 persoas que estarán ese día ás 18:30h na Praza de Manuel Murguía, nas festas da Madalena.

Por categorías, as persoas seleccionadas quedan como segue. Na infantil estarán Adriana Vigo, Candela Caamaño, Carmen Cuevas, Dana Virginia, Clauda Santalla, Noa Carpentén e Anxo Villanueva. Na xuvenil, Adriana Muñiz, Flavia Guitián, María Gigirey, Lara López, Lara Sestayo e Elena Mosquera. En canto á senior, serán Paula Meda, Ainoha Conde, Montse Angueira, Noelia Bellas, Iria Gándara, Ruth González e Cristina Alonso.      

As xornadas de preselección celebráronse no Milladoiro e en Bertamiráns o 30 de xuño e o 3 de xullo, respectivamente. As actuacións destas datas pódense ver na canle de Youtube do Concello.

O xurado da fase semifinal e da final estará composto por 3 membros nomeados por resolución de alcaldía entre profesionais do mundo da música. Avaliará os seguintes criterios: harmonía, ritmo, afinación, dominio da escena e interpretación. Tendo en conta os criterios de avaliación, cada persoa do xurado, poderá outorgar a cada participante de 1 a 10 puntos por actuación.

O xurado desta fase de preselección estivo composto por Ángel Tames, veciño de Pedregal, Ortoño, quen exerce como profesor de canto no conservatorio de música “Liramas” de Santiago de Compostela e é cantante solista; Inés Suárez, veciña de Aguapesada, que exerce como profesora de música nun colexio público de Galicia e canta no Grupo As Maianas ademais de dirixir os coros parroquiais de Ames e Piñeiro; e María Eva Sebe, veciña de Buceleiras, quen ten unha traxectoria de máis de 20 anos na música. Actualmente forma parte do Dúo Músical Eva e Camilo .

A final
O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá o 7 de agosto a final do concurso. Coincidirá coa celebración das festas da Peregrina. Os aspirantes interpretarán dous temas de diferente estilo musical. Todos os participantes da final levarán como premio un trofeo, unha cesta natural e un vídeo do seu paso polo concurso. Aos/ás semifinalistas de cada categoría outorgaráselles tamén un cheque de 30 euros para investir no comercio local. Os gañadores/as obterán un cheque de 100 euros, tamén canxeable no comercio local e a posibilidade de cantar nas prebadaladas de fin de ano.

Nesta fase final será onde os participantes poderán interpretar os temas enteiros, sempre que non superen os 4 minutos. Os gañadores daranse a coñecer o mesmo día da final.