Obras na Avenida da Maía dende o luns

79

O Concello lembrou hoxe que as obras de mellora do firma da avenida da Maía, que se desenvolverán ao longo de catro fases, darán comezo o vindeiro luns -29 de novembro-. As obras provocarán cortes no tráfico e alterarán a circulación dos vehículos. A realización dos traballos depende do tempo que faga cada día.

As obras van incluír o fresado e pavimentado do pavimento en seis tramos da avenida. Haberá paneis informativos e posibles desvíos. O Concello pide, para evitar atascos, que se tomen saídas alternativas. Durante a primeira fase das obras estará cortado o acceso a Bertamiráns dende a AG-56, dirección Brión- Santiago de Compostela. Accederase á localidade de Bertamiráns dende a AC-544.

O Concello pide tamén á veciñanza de Brión que evite a circulación pola AC-543 ao seu paso pola avenida da Maía. O transporte público poderase ver alterado o transcurso dalgunha das súas frecuencias durante o tempo que se executen as obras.

O alcalde de Ames, Blas García, pide “compresión á veciñanza porque as obras sempre ocasionan trastornos, pero é moi necesario o arranxo do firme da avenida da Maía”. Sinala que logo de executadas as obras o Concello poderá ir mellorando a seguridade e o tránsito peonil desta arteria de Bertamiráns con vistas á humanización e a incrementar a seguridade dos peóns.

O pasado 30 de abril produciuse o cambio de titularidade a favor do Concello de Ames do tramo da estrada AC-543, comprendido entre o punto quilométrico 6+250 e o punto quilométrico 8+390, isto é, a Avenida da Maía. Previamente, o Concello de Ames e maila Axencia Galega de Infraestruturas asinaron un convenio de colaboración para mellorar o firme da avenida da Maía e para transferir esta vía urbana ao Concello de Ames. O convenio, aprobado por unanimidade en pleno en 2019, recolle que a Xunta deberá achegar 140.000 euros á mellora do firme e está ligado aos orzamentos de 2020 do Goberno autonómico.