Once días de festa en agosto entre Bertamiráns e o Milladoiro

381

Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, celebran por segunda vez, despois de facelo xa en 2022, as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, nunha programación de once días dende o venres 4 ata o luns 14 de agosto. “Ames en Festas” é o nome deste cartel, no que colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames. As celebracións volverán congregar centos de veciños e visitantes para pórlle unha nota de diversión ao verán.

O alcalde, Blas García, referiuse en declaracións para AMSGO ao “moi completo” programa de festas como unha oferta coa que “se pretende atender a todos os públicos, desde os máis novos aos máis maiores, tanto coa música como con outras actividades”. García lembrou que “este é o segundo ano onde lle damos continuidade a un programa de festas que comeza o día 4 de agosto no Milladoiro e remata o día 14 en Bertamiráns, unindo así a tradición da virxe da Madalena e a da virxe da Peregrina”. Son xa que logo “once días de festa que van a conseguir que non só desfrute e se divirta a veciñanza, senón que tamén sexa unha inxección para a hostalería e o comercio”.

O programa foi presentado esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, no que interviron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; e mailo vicepresidente da comisión de festas da Peregrina, Benjamín Seoane. Tamén asistiron á presentación a concelleira de Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís; a xerente de XEA, Beatriz López; a presidenta da comisión de festas da Peregrina, Miriam Souto; así como Rafael Budiño e Manuel Fernández, membros da comisión de festas da Peregrina. Os membros da comisión de festas do Milladoiro non puideron acudir á presentación por motivos persoais e laborais.

No Milladoiro, as celebracións da Peregrina dan comezo o venres 4 de agosto coas actuacións, dende as 21:30h, de Sofía Rial, Catuxa Salom e Thais Suki no Paseo da Igualdade. Sofía Rial, natural de Ames, foi gañadora do Recantos do programa Luar en 2021. Catuxa Salom é unha cantante galega de raíces arxentinas cuxa música fusiona os ritmos tribais latinoamericanos coa música en galego e electrónica. A terceira artista, Thais Suki, tamén natural de Ames, deuse a coñecer en 2016 para o gran público no concurso La Voz.

O sábado 5 Tacón Gitano abrirá o AmesOn de agosto ás 21h na praza de Manuel Murguía. Trátase dun trío de flamenco composto por Moisés Fernández (caixón flamenco), Isaías Salazar (bailaor) e Rubén Fernández (guitarra e voz). Ás 23h na travesía do Porto actuará a Orquestra Alianza, seguida por DJ Macro. O domingo 6 ás 11h a praza da Magdalena acolle o concerto da Banda de Música Unión Musical de Ponte Ledesma. Ese mesmo día, dende as 23h, a Orquestra Venecia e o DJ Marcos Magán animan a noite.

Ao día seguinte, o luns 7 de agosto, o AmesOn trae o grupo Pitusa Semifusa. Será ás 19:30h na praza de Manuel Murguía. Ás 23h na travesía do Porto actúan as orquestras D’Noche e Los Coleguitas. O martes 8 ás 19:30h actúa dentro do AmesOn Paco Nogueiras na praza de Chavián. Nogueiras, músico e actor, combina o seu labor en diversas formación teatrais con ser monitor de teatro e realizar numerosos espectáculos para o público infantil e familiar. Un dos pratos fortes das festas terá lugar ás 22h na travesía do Porto, coa actuación de Heredeiros da Crus, o grande e veterano expoñente do bravú galego . Ás 23:30h actuará Charleston Big Band.

Os Festicultores arrincan as festas da Peregrina

A festa trasládase a Bertamiráns o mércores 9, coa actuación da cantante Sabela, , ás 21h no parque do Ameneiral. Ás 23h actuará a Orquestra Panorama no campo da festa.

O xoves 10 será especialmente animado coa actuación, ás 21h na praza da Maía, dos Festicultores, un grupo galego que levanta o ánimo e espírito por alá por onde pasa coas súas melodías bailables e divertidas. Ás 23h no campo da festa toca a Orquestra Kubo.

O venres 11 haberá catro actuacións dentro das festa da Peregrina. Ás 21h, no parque do Ameneiral, actuarán o grupo tradicional de pandeiretas de Ames As Maianas e posteriormente o dúo Caamaño&Ameixeiras, que combinan acordeón, violín e voz. Dende as 23h no campo da festa estarán a Orquestra Finisterre e mais a Disco Móvil Chocolate.

O sábado 12 vén cargado de concertos. Dende as 14h, o parque do Ameneiral acollerá sucesivamente as actuacións de Mad Martin Trío, La Reunión, Doctor Snob e Michu da Rocha. Ás 21h, e no mesmo lugar, actúan Los Mecánicos dentro do AmesOn, co seu repertorio de versións do pop e rock dos 60, que inclúe os Beatles, Elvis, Raphael ou os Bravos. Pecharán a xornada ás 23h no campo da festa a Orquestra Metrópolis e DJ Atempo.

O domingo 13, ás 10:30h, a Banda de Música de Brión ofrece un concerto na praza da Maía. Á noite, dende as 23h, actuará a Orquestra Compostela e posteriormente Disco Móvil CDC no campo da festa. As festas péchanse o luns 14 de agosto ás 23h no mesmo lugar coa Orquestra Fuerza Nueva.