Orzamentos Participativos. Licitadas 40 actuacións de mellora da seguridade viaria no rural amesán por 120.000 euros. 

118

A actuación, aprobada pola Xunta de Goberno Local neste mes de xullo, conta cun orzamento inicial de 119.428,85 euros, incluídos no Plan Ames Progresa 2021-2023.

A proposta para un proxecto de mellora da seguridade viaria para as parroquias de Ames vén das votacións dos Orzamentos Participativos de 2020, na que o rural contaba cunha partida duns 120.000 euros. Daquela, esta actuación fora a opción máis votada pola veciñanza, o que amosou a necesidade de traballar para reducir e minimizar os riscos e mellorar a seguridade viaria nas parroquias e lugares amesáns.

Neste senso, o proxecto engloba unha serie de reformas nas once parroquias do concello. Agrón contará con sete melloras, como a colocación de dous espellos convexos, na Garea e na estrada Garea – Calo; a instalación de dous lombos de asno, en Arufe; unha sinal de estrada sen saída, no Galiñeiro; dous treitos de barreiras de seguridade, en Sandar e na Garea, e a reparación de fochancas ao longo da parroquia.

No caso da Ameixenda, haberá catro actuacións, que inclúen o pintado de catro pasos de peóns en Cortegada e Quintáns e a colocación dunha sinal de stop nesa mesma zona, ademais da execución de dous lombos de asno e de dúas sinais de dirección na estrada que conecta a parroquia con Tapia.

Pola súa banda, a parroquia de Ames contará con tres melloras, como un novo stop, no viario de Barouta a Pedrouzos; a colocación de 16 paneis en curva no viario do Lombao á Ameixenda, e dun espello convexo en Pousada.

Na parroquia de Biduído actuarase en sete puntos, con seis novos pasos de peóns elevados en Raíces e nas estradas Casanova – Biduído de Abaixo e Biduído de Arriba – Ventín; un novo sinal de stop, na Agriña; a execución de dous lombos de asno, na estrada Fraíz – Costoia; e a colocación de catro sinais de limite de velocidade, nas estradas Casanova – Biduído de Abaixo e Casanova – A Igrexa.

Por outra parte, en Bugallido executaranse cinco obras, que inclúen o pintado de nove pasos de peóns; a colocación de seis lombos de asno en Quistiláns, Guimaráns e na estrada Guimaráns – Biduído, e a instalación dun sinal de paso prioritario.

En Covas realizaranse tres proxectos. Pintarase a estrada Bertamiráns – O Lombao, e sinalizaranse os pasos de peóns da vía, ademais do pintado dun novo paso para peóns no propio lugar do Lombao.

Ademais, a parroquia de Lens contará cunha mellora no lugar de Lens, no que se colocarán tres espellos convexos para o tráfico.

A parroquia de Ortoño contará tres novas actuacións, como a execución de dous lombos de asno, en Lapido; a colocación dunha barreira de seguridade, no Instrumento, ou o pintado dun paso de peóns, en Ortoño.

Por outra parte, a estrada A Igrexa – Vilaverde, na parroquia de Piñeiro, vai gozar de dúas actuacións, coa mellora do seu firme e a limpeza das súas gabias, ademais da instalación de dous sinais de stop.

No caso da parroquia de Tapia, haberá catro melloras. Colocaranse dúas sinais de dirección na estrada a Tapia; instalaranse dúas bandas sonoras no Galiñeiro; mellorarase a capa de rodaxe e limparanse as gabias da estrada á Ameixenda, e colocaranse alí dous sinais de curva perigosa e dous paneis direccionais en curva.

Por último, en Trasmonte actuarase no lugar de Suevos, onde se aumentará o ancho da vía e se procederá á canalización de pluviais.

Investimento para mellorar a seguridade viaria

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “este investimento de preto de 120.000 euros, que permitirá mellorar a seguridade viaria nas 11 parroquias de Ames, é un compromiso que tiñamos adquirido coas asociacións veciñais do rural, a través dos Orzamentos Participativos, e que trataremos de executar o antes posible”.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “damos cumprimento ao compromiso adquirido coa veciñanza do rural nos Orzamentos Participativos, que amosaron que a seguridade no noso rural era unha das problemáticas que máis lles preocupa. Desenvolverase un proxecto que identifica os problemas de seguridade viaria no rural nas 11 parroquias e poranse en marcha numerosas actuacións para mellorala: sinalización, pintado pasos peóns, colocación de espellos, barreiras de seguridade, etc”.