Orzamentos participativos: “satisfacción” para o Goberno local e “fracaso” para o PP

230

O pasado 30 de outubro pechou o prazo de presentación de propostas para os Orzamentos Participativos de 2020. Durante o tempo en que estivo aberto o prazo recibíronse 225 propostas veciñais. O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, salientou a semana pasada que  dende o Goberno local se senten “plenamente satisfeitos do grao de participación amosada pola veciñanza neste proceso”, que supón “un paso máis cara a un Goberno máis transparente e colaborativo”. Porén, a opinión non podía ser máis contraria no PP, que tilda o proxecto de “fracaso” e critica o gasto en consultoría externa asociado. Consideran os populares que “a gran maioría dos veciños déronlle as costas” e que a iniciativa se mantén “por cuestións ideolóxicas”. 

Durante o período que estivo aberto o prazo dos Orzamentos recolléronse un total de 225 propostas de distintos ámbitos. Dentro deste total presentáronse 156 propostas para investimentos no rural, 20 para investimentos mocidade, 10 actividades para a muller, 11 actividades medioambientais, 15 actividades para mocidade, 13 actividades de cultura. Os populares recordan que en 2018 houbera 490 propostas iniciais, que finalmente quedaran en 158. 

Os Orzamentos participativos atópanse actualmente na fase de análise e estudo de viabilidade das propostas. O persoal técnico do Concello está a estudar que as propostas presentadas sexan viables legal, técnica e orzamentariamente. 

As propostas que cumpran estes requisitos estudaranse e serán priorizadas pola Comisión dos Orzamentos Participativos. A priorización supón o establecemento dunha orde de relevancia de 10 propostas, como máximo, por cada ámbito. Para os Orzamentos Participativos 2020 destinarase no orzamento do 2021 un total de 200.000 euros. Deles, 12.000 euros irán para investimentos no rural, 40.000 para mocidade, 10.000 para actividades ou programas de mocidade, e a mesma cantidade para actividades e programas para a muller, así como outra igual para cultura e unha última cantidade idéntica para medio ambiente. 

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, agradeceu “á veciñanza que participou presentando estas 225 propostas” aínda no “momento tan difícil polo que estamos a pasar”.

Cada persoa empadroada no Concello de Ames poderá, rematada esta fase de análise de viabilidade, votar nos 6 ámbitos citados anteriormente, agás no de mocidade, que estará pechado á veciñanza que estea comprendida entre os 16 e os 30 anos de idade.