Os ambulantes votan a favor dun mercadillo arredor do Concello

391

Os vendedores ambulantes deciden que o mercado de rúa de Bertamiráns se realice na contorna da praza do Concello. A previsión que ten a Concellaría de Promoción Económica é que o mercado se realice no novo emprazamento dende o vindeiro sábado, 7 de novembro, sempre que se cumpran as normas hixiénico-sanitarias actuais marcadas pola autoridade competente.

Ata este pasado mércores, 21 de outubro, os vendedores/as ambulantes puideron facer propostas en torno ao emprazamento no que queren que se sitúe o mercado de rúa que se desenvolve os sábados pola tarde en Bertamiráns. As tres opción que se ofreceron foron en primeiro lugar realizar o mercado coa modalidade do 50% dos postos un sábado e o outro 50% o sábado seguinte e así sucesivamente, nas rúas Ameneiral e Entrerríos.

A segunda opción que se ofreceu por parte do Concello foi a ampliación da zona do mercado de venda ambulante á praza do Concello, rúa Entrerríos e rúa Ameneiral, e poñer a totalidade dos postos. A terceira e última opción contemplaba repartir ao 50% os postos en quendas de mañá e tarde, nas rúas Ameneiral e Entrerríos.

Unha vez rematado o prazo de votación, esta mañá procedeuse ao reconto dos votos, sendo a segunda opción (realizar o mercado de venda ambulante na praza do Concello e nas rúas Entrerríos e Ameneiral) a máis votada co 77,30% dos votos emitidos. A primeira opción recibiu un 18,20% dos votos, mentres que o 4,50% dos votos emitidos non se puideron ter en conta ao ser emitidos por ningunha das canles establecidas (Sede electrónica ou depositar o documento de votación nunha urna habilitada na Casa do Concello).

Deste xeito, a previsión que ten a Concellaría de Promoción Económica é que o mercado se realice no novo emprazamento dende o vindeiro sábado, 7 de novembro, sempre que se cumpran as normas hixiénico-sanitarias actuais marcadas pola autoridade competente. A partir de hoxe informarase a todos/as os/as vendedores/as ambulantes sobre o novo emprazamento que terá o mercado de rúa de Bertamiráns.