O Concello de Ames colabora coa asociación ANEDIA na presentación dun novo volume da colección “Os Bolechas, Amigas e amigos con diabetes”. A presentación será este martes, 3 de outubro, ás 19.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. A través deste libro preténdese que os rapaces e rapazas se informen, dunha maneira adaptada a súa idade, sobre a diabetes. Trátase dunha ferramenta coa que visibilizar e sensibilizar.
Non é a primeira vez que o Concello de Ames e maila asociación ANEDIA colaboran xa que no ano 2021 as Bibliotecas municipais de Ames recibiron dous lotes de libros de Os Bolechas, un deles titulado “Os Bolechas saben o que é a diabetes” e o outro, “Manuela é nova na escola, Medrando coa diabetes”. Con esta doazón feita pola asociación ANEDIA, preténdese que os rapaces e rapazas se informen, dunha maneira adaptada a súa idade, sobre a diabetes. Os exemplares pódense consultar nas Bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro.
Asociación ANEDIA
A Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia naceu co obxectivo de traballar pola integración real e total de todos os rapaces e rapazas que sofren esta enfermidade.