Os candidatos á alcaldía de Ames intercambiaron propostas nun debate electoral a cinco bandas

211

O auditorio da Casa de Cultura do Milladoiro acolleu na tarde do martes 16 o debate electoral organizado por Ames Radio. Unha cita de campaña na que compareceron cinco dos sete candidatos á alcaldía de Ames, ante a ausencia a última hora do candidato de Vox, Andres Pena, por problemas de saúde, e do candidato de UCIN, José Luis Calo. Deste modo, finalmente participaron a candidata do PP, Oliva Agra; o actual alcalde e candidato socialista, Blas García; o candidato do BNG, David Santomil; a de Podemos, Vanessa Vidal, e Luísa Feijoo, de Espazo Común.

Foi un debate con pouco espazo para a confrontación, tanto polo pechado dos bloques como polo feito de que tres dos cinco participantes compartan goberno municipal e unha cuarta, Luísa Feijoo, teña formado parte do mesmo ata hai poucos meses. A maior parte das críticas dirixíronse cara á Xunta de Galicia e, por parte de Oliva Agra, cara ao goberno local.

No arrinque do debate, Blas García recoñeceu que o actual mandato foi “moi difícil” ante a pandemia e a guerra en Ucraína, pero defendeu a súa xestión e o feito de ter sacado para diante un centenar de obras e investimentos. Pediu non facer “experimentos” e optar polo seu modelo. Pola súa banda, Oliva Agra defendeu a pluralidade da lista coa que concorre ás eleccións e reclamou un Ames que non “deixe a ninguén atrás”.

David Santomil asegurou que Ames avanza cando o BNG está no goberno, defendendo que en 2003 o concello protagonizou unha ruptura “cun modelo arcaico de política, especulación urbanística e crecemento descontrolado”. Contrapuxo o seu “modelo municipal do século XXi, con planeamento, ordenación e benestar social” que recibiu en 2015, asegurou, “un novo impulso”.

A candidata de Espazo Común, Luísa Feijoo, prometeu un proxecto aberto á cidadanía, aproveitando a proximidade de Santiago de Compostela e o carácter novo e multicultural do municipio. Pola súa banda, Vanessa Vidal, de Podemos, lembrou que os concellos son a “porta da entrada” para o Estado do benestar dada a súa proximidade coa veciñanza. Pediu un concello “xestor de servizos públicos” de calidade e que cheguen “a quen máis os necesite”.

O primeiro bloque do debate, sobre economía e emprego, abriuse con Oliva Agra prometendo que potenciará o emprendemento en Ames. Lembrou que é un dos concellos máis novos de Galicia e chamou a “sentir Ames”. Defendeu a implicación do Concello na economía local cunha aceleradora pública de proxectos que avalíe e mentorice iniciativas empresariais, axilizando trámites e mesmo participando con capital nas empresas. Tamén se comprometeu a unha revisión fiscal “porque os cartos están mellor no peto dos veciños”, criticando subidas “innecesarias” de impostos.

Esta última aseveración provocou a réplica do actual acalde. Blas García sinalou que as afirmacións da candidata popular eran “contraditorias”, xa que os seus proxectos non poderían financiarse coa revisión fiscal prometida. “As obras e servizos requiren de recursos”, expuxo García. O rexedor defendeu o traballo do seu goberno nestes anos e amosouse satisfeito polos 30 proxectos que hoxe alberga o coworking do Milladoiro. Para García, os sectores estratéxicos no vindeiro mandato deberán ser o audiovisual, o tecnolóxico e o comercial. Tivo palabras de recoñecemento para a unidade dos grupos políticos durante a pandemia.

O candidato nacionalista, David Santomil, defendeu o comercio local e a economía de proximidade, criticando as grandes áreas comerciais e a dependencia de multinacionais. Puxo como exemplo da defensa do produto local os comedores escolares amesáns, que traballan con empresas e produtos da contorna. Tamén asegurou que hai que acabar cunha “taxa de reposición inxusta” no emprego público. Aproveitou para anunciar a instalación de ciclos formativos de FP dual en informática nos institutos, defendendo a innovación e desenvolvemento como un alicerce de Ames.

Vanessa Vidal presumiu de xestión ao lembrar que Ames é o concello máis transparente de Galicia, pedindo que se controlen os fondos públicos. Puxo en valor o futuro proxecto de mercado municipal e asegurou que Podemos priorizará a contratación con empresas e autónomos cuxo domicilio social estea en Ames.

Luísa Feijoo pechou o bloque reclamando progresividade fiscal e diferenciando as necesidades da hostalería e comercio do Milladoiro fronte a Bertamiráns. Pediu afondar na economía social e potenciar a creación de cooperativas e cláusulas sociais na licitación dos concellos.

Tocou a continuación dalar de Educación e Cultura, onde Vanessa Vidal centrou a súa intervención na potenciación da participación cidadá e no impulso aos consellos sectoriais, ademais de defender as axudas para material escolar.

Oliva Agra denunciou “falta de diálogo coa comunidade educativa” durante o pasado mandato, prometendo que “cando gobernemos” as portas “estarán abertas”. Acusou ao Concello de descoñecer as necesidades dos centros, caso do colexio de Barouta e da Maía. Isto provocou a crítica de David Santomil, concelleiro da área, que asegurou que o dito pola candidata popular non resultaba “crible”. Defendeu que “nos últimos oito anos tivemos un concelleiro” fronte a “oito nos oito anos previos”. Sinalando que falaba “con coñecemento de causa”, lembrou o récord orzamentario na área de educación e que El País recoñeceu Ames como o concello galego que máis inviste en educación. Defendeu, tamén, que o seu departamento mantén un “diálogo constante” cos pais, e que a educación amesá é “marca BNG” por ter este partido xestionado a área durante 12 dos últimos 20 anos. “Sabemos facer ben as cousas”, resumiu, indicando que se debe tamén ao BNG a “dinamización dos centros socioculturais”.

A candidata de Espazo Común, Luísa Feijoo, defendeu que se goberna demandará respostas adecuadas da Xunta de Galicia para os problemas educativos. Tamén que impulsará a participación da comunidade educativa e a mellora da conciliación, promovendo espazos de participación das familias.

Como candidato socialista, Blas García sinalou que o Concello debe mellorar a comunicación coa comunidade educativa, pero tamén que “os datos positivos están aí”.

O candidato nacionalista abriu o bloque de política social. Acusou á Xunta, gobernada polo PP, do “deterioro da sanidade púbica” malia o novo centro de saúde no Milladoiro. Santomil defendeu a necesidade dun centro de día público e lamentou que hoxe en día “os nosos maiores están indo a Rois”. Defendeu a existencia de solo para a creación desta infraestrutura, así como de vivenda pública.

Luísa Feijoo defendeu que a súa pretensión é “máis ambiciosa” que a do BNG, xa que “non pedimos un centro de día senón un centro multifuncional de proximidade”, que inclúa residencia. Defendeu “facer barrio cos maiores”, impulsar o asociacionismo e loitar contra a soidade non desexada. A antiga edil de Servizos Sociais manifestou a necesidade de modernizar, ampliar e reestruturar o departamento.

Pola súa banda, Blas García coincidiou nesta necesidade de reorganizar a área de servizos sociais do Concello para “os novos tempos e necesidades”, así como presionar á Xunta para que corrixa as eivas do anticuado centro de saúde de Bertamiráns.

Oliva Agra defendeu a xestión da Xunta, lembrando que o Milladoiro conta cun centro de saúde “de vangarda” grazas á Xunta “gobernada polo PP”. Con este centro, indicou, “atendeuse unha das grandes demandas de asistencia sanitaria no Milladoiro”. Recoñeceu que é necesario levar a cabo investimentos en Bertamiráns e ampliar o centro da localidade. “Antepomos os intereses dos veciños e loitaremos para conseguilo”, prometeu, considerando que “non avanzaremos como concello sen preocuparnos polas persoas”.

Vanessa Vidal pechou este bloque reclamando a flexibilización do acceso aos recursos e o fomento da corresponsabilización das tarefas nas familias, ademais de loitar pola erradicación do acoso e da LGTBifobia.

O último bloque versou sobre obras, servizos e infraestruturas. Luísa Feijoo considera que non se medrou nestas materias de xeito acorde coas necesidades da poboación, e pediu priorizar esforzos en arranxar e mellorar as dotacións existentes. Botou en falta un plan de accesibilidade ou de mellora de beirarrúas, ademais da ausencia de servizos de saneamento no rural, así como problemas coa recollida do lixo nestas áreas.

Oliva Agra defendeu a colaboración do PP para que o POS se dedicase integramente ao rural, posibilitando máis de 60 obras. Pola súa banda, David Santomil defendeu que “co BNG avanzouse na construción do novo colexio público” e puxo como obxectivo o desenvolvemento de espazos como parques e prazas para a convivencia, e a loita contra o cambio climático.

A candidata de Podemos, Vanessa Vidal, prometeu un impulso á axenda urbana, ao crecemento inclusivo e á fin das barreiras arquitectónicas. Blas García pechou o bloque recoñecendo que Ames “medrou moito en pouco tempo” e chamando a “acompasar” o crecemento demográfico co urbanístico e de servizos. Neste sentido, expuxo que a empresa municipal de augas axudará a estender o saneamento e abastecemento alá onde falta, e tivo palabras de recoñecemento para Gemma Otero (Podemos) e Quique Costas (Ames Novo), que non recuncarán como concelleiros.

O debate pechouse cunha última chamada dos candidatos ao voto. Blas García prometeu ser un alcalde “próximo e accesible”, mentres Vanessa Vidal defendeu que Podemos saíu “das rúas e das prazas” e permanecerá “a carón da xente do común”. David Santomil recoñeceu que en Ames “vívese ben pero pódese vivir mellor”, mentres que Oliva Agra pediu pasar de ser “un concello dormitorio” a “un concello de referencia”. Menos “promesas baleiras” e máis “acción” foi a idea forza do minuto de peche de Luísa Feijoo.