Os colexios de Ames seguen aumentando as súas instalacións

No IES de Ames realizouse unha ampliación de 3 aulas e dotouse dunha zona cuberta

O pasado 31 de agosto, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, visitaron as instalacións do IES Plurilingüe de Ames e o CEIP Agro do Muíño, onde a Xunta de Galicia está executando obras para ampliar estes centros de ensino. No CEIP Agro do Muíño executouse unha primeira fase de obras na que se construíron 3 novas aulas. Ademais, na segunda fase ampliarase este colexio con 6 aulas máis. No IES de Ames realizouse unha ampliación de 3 aulas e dotouse dunha zona cuberta. Asemade, cubrirase a pista polideportiva para convertela nunha aula de usos múltiples.

O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o concelleiro de Urbanismo, Blas García, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e varios/as concelleiros/as da corporación municipal acompañaron a Román Rodríguez e a Ovidio Rodeiro nesta visita na que se anuncio a licitación das obras para o peche da pista deportiva do IES Plurilingüe de Ames, co fin de converter este espazo nunha sala de usos múltiples. Trátase dunha intervención cun orzamento inicial de 522.012,08 euros, que servirá para dotar a este centro da devandita instalación, cunha superficie de 360 metros cadrados.

Román Rodríguez, incidiu en que “Ames é un dos concellos galegos coa poboación máis xoven. Debido a iso dende a Xunta de Galicia estamos facendo un forte investimento en materia educativa neste concello”

Ademais construiranse dous aseos adaptados e un almacén. A actuación, que estará rematada para o inicio do curso 2018/19, ten un prazo de execución de 5 meses e realizarase compatibilizando as obras coa vida escolar baixo as máximas garantías de seguridade para a comunidade educativa. Esta actuación únese ás obras executadas o ano pasado para a ampliación deste IES con 3 novas aulas, ademais da cubrición do patio, unha intervención que contou cun orzamento de 233.243,71 euros. Por último, cómpre destacar que o Concello de Ames fará unha reserva de solo ao carón do instituto, para habilitar unha zona de aparcamento, novos viarios e futuros equipamentos públicos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, incidiu en que “Ames é un dos concellos galegos coa poboación máis xoven. Debido a iso dende a Xunta de Galicia estamos facendo un forte investimento en materia educativa neste concello. Estamos investindo 1.200.000 euros na ampliación do IES Plurilingüe de Ames e no CEIP Agro do Muíño. Ademais, dende o ano 2009 a Xunta leva investido preto de 10 millóns de euros en infraestruturas educativas en Ames”.

Por outra banda, o alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “grazas as xestións realizadas coa Xunta de Galicia a Consellería de Educación está investindo máis dun millón de euros na ampliación do instituto de Bertamiráns e do colexio de infantil e primaria do Agro do Muíño que contan de cara ao curso escolar 2017-2018 con 860 e 480 alumnos/as matriculados/as, respectivamente. Ames é o concello galego con maior crecemento demográfico e con mellor saldo vexetativo positivo, polo que os investimentos na mellora dos centros escolares son moi necesarios”.