O Concello de Ames recibiu o pasado venres a acreditación da rede municipal de comedores escolares como Rede de comedores escolares Km 0 de Galicia. O distintivo foille entregado por parte da presidente da asociación Slow Food Compostela, Leonor Lorenzo, ao concelleiro de Educación en funcións, David Santomil, e á técnica municipal do departamento de Educación, Rosa García. Esta rede acredita o consumo de produtos de proximidade e sostibles nos comedores das escolas de Ames. As placas acreditativas lucirán de agora en diante nas cociñas das escolas infantís municipais O Bosque, de Bertamiráns, e A Madalena, do Milladoiro, así como nas cociñas do CEIP Agro do Muíño da da EEI Milladoiro. Ames súmase así ás redes doutros 17 municipios.
Ames comezou en 2015 a incorporar ao comedor novos produtos de proximidade, con fincapé nos de horta. Xa en 2020, o Concello sumouse á campaña Come Local da Consellería de Medio Rural. Para recibir esta nova distinción, Slow Food Compostela avaliou a trazabilidade dos produtos de alimentación utilizados na elaboración dos menús nas cociñas dos centros escolares.
A presidenta da asociación Slow Food Compostela, Leonor Lorenzo, salientou que esta certificación identifica os comedores de Ames por aprovisionarse dun 50% ou máis de produtos galegos e mercando parte dos mesmos directamente ao produtor fomentando as canles curtas de comercialización e as plantacións a medida. Desexou “que sirva de exemplo para moitos máis que queiran unirse a este proxecto”.
O concelleiro de Educación e Axenda Urbana en funcións, David Santomil, dixo “Ames segue apostando pola economía circular e pola calidade. É o resultado do traballo feito e dunha aposta clara polos produtos galegos de calidade. Todas as certificacións de calidade coas que colaboramos e temos tamén como provedores son primordiais”.
No mesmo acto, David Santomil fixo balance de varios proxectos da Concellería de Educación. No tocante á creación dunha cociña central, adiantou que vai “construción coa central de lavado, e posteriormente abordarase a área de cociña. Ditas instalación van permitir unha importante mellora no funcionamento dos comedores escolares municipais”. Actualmente está “nunha primeira fase de construción coa central de lavado, e posteriormente abordarase a área de cociña”.
Tamén destacou a aposta pola compostaxe, de forma que os restos orgánicos das cociñas son enviados ao centro de compostaxe de Barouta para elaborar un compost “de calidade, que se distribúe entre a veciñanza e tamén serve de abono para os parques e xardíns municipais”. Por último destacou a consolidación dos servizos complementarios de educación, afirmando que o Xuño Lúdico e a Escola do Verán rondará os 700 usuarios este ano.