Os Concellos de Ames e Brión colaboran nunha campaña de fomento do aforro de auga

133

Os concellos de Ames e Brión afondan na súa colaboración en materia de aforro de auga, logo de entraren en situación de pre-alerta por seca durante a semana pasada, tal como decretou a demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Ambas Administracións suman agora esforzos cunha campaña que, baixo o nome de “Augaconsellos”, achega ideas útiles á veciñanza para evitar o desperdicio deste recurso.

A campaña inclúe doce recomendacións e medidas para un uso responsable de auga neste verán inusualmente caloroso e seco. As recomendacións inclúen preferir duchas sobre baños e pechar a billa ao enxabonarse, barbearse ou lavar os dentes ou mans. Tamén se recomenda encher un caldeiro coa auga da ducha mentres se espera que saia quente e aproveitar esta auga para fregar o chan. Do mesmo modo, os Augaconsellos recomendan colocar unha papeleira no baño para evitar tirar o lixo polo váter.

En canto ás cisternas, a campaña recomenda empregalas de dobre descarga a fin de usar só a auga estritamente necesaria, e instalar economizadores nas billas, duchas e inodoros, ademais de utilizar a lavadora en carga completa e co programa máis axeitado. A mesma recomendación rexe para o lavalouzas e, se tiveres que fregar á man, non deixar correr a auga. A campaña incide na importancia de reparar as billas cando se detectan fugas na instalación.

Outros consellos son regar as plantas a primeira hora da mañá ou á tardiña, e non baleirar a piscina despois do verán, xa que a auga pode aguantar ata cinco anos. Por último, recomendan pechar levemente a chave de paso da vivenda, xa que non se apreciará diferenza e o aforro de auga será significativo.

O alcalde de Ames, Blas García, adianta que a campaña se publicará tanto en redes sociais como en formato físico, con folletos informativos. O seu homólogo de Brión, Pablo Lago Sanmartín, destacou “facemos un chamamento aos veciños e veciñas de Brión e de Ames para o uso responsable e adecuado da auga”.

Críticas do PP

Os populares de Ames criticaron hoxe que “siga sendo unha incógnita despois de seis anos” a Mancomunidade que debera xestionar o abastecemento da auga en ambos os dous municipios a través da estación de tratamento de auga potable en Lens. Lamentan que “o Goberno local sabe desde 2016 que para poder inscribir a concesión de captación de augas públicas do río Tambre é preciso constituír unha mancomunidade, consorcio ou similar”. Lembran que en abril de 2021 o Pleno designou ao alcalde para tramitar a formación deste ente intermunicipal, pero “non se avanzou absolutamente nada”.

“É unha realidade que a xestión do Goberno local de Ames vai sempre unida a atrasos, prórrogas, cancelacións e renegociacións, pero esta vez a situación xa é un escándalo”, afirman dende o PP nun comunicado de prensa. Recordan que xa en marzo de 2016 “a Xunta de Galicia fixo entrega aos concellos de Ames e Brión das instalacións das obras de abastecemento de auga”. Estas incluían unha estación potabilizadora con capacidade de 175 litros por segundo, así como un depósito de regulación de 7.300 metros cúbicos en Lens, e outro de cabeceira de 10.000 en Agrón. Cada Concello participaba de forma proporcional na construción das instalacións (67% Ames e 33% Brión).