Os contaxios seguen medrando por debaixo da taxa de crecemento en Galicia

266

Son 17 os novos casos activos de COVID-19 na área sanitaria santiaguesa desde onte, situándose nun total de 1.063 fronte aos 1.046 das 24 horas previas. Galicia pasa, en conxunto de 6.296 a 6.416. En termos porcentuais, a área compostelá aumenta en 1,62% os casos rexistrados nas últimas horas, fronte á taxa de expansión do 1,9% a nivel galego. O maior aumento no número de novos casos dáse na área de Ourense, que suma 50 pacientes detectados nun día e representa o 41% do incremento diario.

Nas cifras feitas públicas hoxe pola Xunta compróbase que a da coruña segue a ser a área con máis casos de COVID-19 en Galicia con 1.417, pero Ourense, a segunda, é a máis afectada por volume de poboación. Rexistra 1.293 casos. A terceira área por volume de casos é a viguesa, con 1.162. Santiago é a cuarta. Lugo ten 610 e Pontevedra 515, e a de Ferrol segue a ser a área con menos casos en toda Galicia, con 356.

Polo momento, en Galicia houbo 1.588 altas e 464 falecementos de pacientes. Fixéronse case 74.500 PCR. Do total de pacientes positivos, 101 permanecen en UCI, 603 están en unidades de hospitalización e 5.712 en seguimento nos seus domicilios.

As residencias seguen sendo un foco de expansión
Novamente, as cifras das residencias da terceira idade e de persoas dependentes contribúen a empeorar os datos. Ata agora houbo 204 falecementos por COVID-19 vinculados a estas, nun total de 464 mortes en Galicia, case un 44% do total. Un 21,5% dos casos activos de coronavirus en Galicia vincúlanse a centros residenciais. A Xunta recoñeceu hoxe que os casos de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais supoñen o 4% do total das persoas residentes, isto é, un usuario de cada 25.