Os grupos políticos abordan os temas que levarán ao pleno este xoves

369

Nas comisións informativas celebradas o pasado venres abordouse a posible aprobación do proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03 do Milladoiro

O pasado venres, 22 de setembro, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes que se celebrará este xoves. En ditas comisións informativas abordáronse a aprobación do proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03 do Milladoiro; dun novo proxecto modificado da obra de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo das piscinas públicas municipais do Milladoiro; da primeira modificación puntual do regulamento de bolsas de traballo; das ordenanzas reguladoras do prezo público e da taxa pola actividade do cemiterio municipal.

Nas comisións informativas celebradas o pasado venres abordouse a posible aprobación do proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03 do Milladoiro. Dito sector está plenamente desenvolvido tanto a nivel de edificación como de urbanización, pero presenta diversas deficiencias, sendo unha delas o incumprimento da normativa en materia de accesibilidade. Así as obras que haberá que executar para paliar ditas deficiencias consisten na remodelación dunha ampla zona verde pública xunto cos seus accesos e superficies adxacentes de uso público, que están situados na parte traseira da avenida Rosalía de castro (entre a rúa Figueiras e a travesía da Moa).

A remodelación proposta supón principalmente acadar o cumprimento da obriga de accesibilidade á referida zona verde. Para o financiamento desta obra o Concello incautou avais por valor de 356.818,30 euros. A través desta actuación tratase de regularizar unha situación que leva de xeito irregular máis de 10 anos. Se a corporación municipal aproba este proxecto o Concello de Ames poderá abrir un proceso de licitación para adxudicar as devanditas obras. Estes bloques de vivenda están sen recibir por parte do Concello e polo tanto as vivendas non contan con licenza de primeira ocupación. Trátase de arranxar unha vella reclamación da veciñanza deste lugar do Milladoiro.

Aprobouse de forma provisional a ordenanza da taxa pola actividade do cemiterio municipal e unha serie de exencións de pago

Outro dos puntos tratados foi a aprobación provisional da ordenanza da taxa pola actividade do cemiterio municipal, que regula os cambio de titularidade, despois da autorización municipal, de concesións sobre terreos e sepulturas en dito cemiterio (275 euros); o permiso de apertura de toda clase de sepulturas para inhumacións ou exhumacións e ocupación daquelas no primeiro caso (30 euros); e o permiso de retirada de restos dos cinceiros, tumbas, nichos e panteóns a Osario xeral sen apertura (30 euros). Tamén se establecen diversas taxas polo permiso de instalación de lápidas (40 euros); instalación de cruces ou calquera outro tipo de símbolos en tumbas (45 euros); polo permiso de reparación de lápidas (25 euros) e reparación de cruces ou calquera outro tipo de símbolos en tumbas (30 euros).

Por último dita ordenanza recolle as taxas por certificación da concesión no rexistro municipal de panteóns, tumbas, nichos e cinceiros (20 euros); traballos de conservación e vixilancia para nichos individuais (20 euros) e para tumbas e panteóns completos (40 euros). Ademais, establécense unha serie de exencións de pago.

Outros asuntos tratados foron a aprobación dun novo proxecto modificado da obra de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo das piscinas públicas municipais do Milladoiro

Por outra banda, falouse da ordenanza que regula o prezo público polos servizos do cemiterio municipal. Os servizos para os que se propón establecer un prezo son os de apertura e peche de cinceiro (35,71 euros), nicho (85,88 euros), tumba (128,82 euros) e sepultura especial (162,72 euros). Tamén se establecen os prezos de apertura a osario e peche de cinceiro (45,65 euros), apertura a osario e peche de nicho (90,85 euros), apertura a osario e peche de tumba (155,38 euros), apertura a osario e peche de sepultura especial (189,28 euros). Asemade, establécense os prezos polo uso do servizo da sala de autopsias (136,73 euros por día), servizo de capela (70,06 por cada servizo), e polo servizo da sala velorio (228,26 por 24 horas; 342,39 por 36 horas e 456, 52 por 48 horas).

Outros asuntos tratados foron a aprobación dun novo proxecto modificado da obra de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo das piscinas públicas municipais do Milladoiro, así como a primeira modificación puntual do regulamento de bolsas de traballo. Neste senso a Mesa Xeral de Negociación ratificou o pasado 13 de setembro o acordo tomado na Comisión de seguimento de bolsas de traballo sobre a modificación puntual do regulamento de bolsas de traballo do Concello de Ames. O devandito regulamento afecta ás bolsas que na actualidade están activas e permitirá facer un desdobre destas listas, para que haxa dúas listaxes diferentes (unha para cubrir interinidades e outra para contratacións temporais).