Os lugares de Lapido e Maguxe, en Ortoño, uniranse cunha nova senda peonil

222

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación para a construción dunha vía para peóns entre Lapido e Maguxe, que mellorarán a comunicación entre núcleos, así como a drenaxe e o mantemento do camiño. O proxecto recolle a execución de dous treitos de senda de formigón a ambas marxes do tramo, de 950 e 230 metros de lonxitude. A construción de dita senda, que conta cun orzamento total de 226.000 euros, forma parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, aprobado no pleno ordinario do pasado mes de xullo. O novo camiño construirase sobre 20 centímetros de saburra, previa apertura da sobreanchura necesaria para a súa aplicación.

Baixo esta capa canalizarase unha tubaxe de PVC, cun total de 47 sumidoiros que favorecerán a drenaxe e a recollida de pluviais. Asemade, a construción da senda irá acompañada de tres treitos de muro de pedra granítica, que axudarán a limitar o derrame de terra nos puntos onde as novas vías estean máis elevadas que os terreos lindeiros. Sobre os bordes destes pasos de maior altura disporanse uns 95 metros de varandas metálicas, que terán unha altura duns 124 centímetros.

A licitación desta senda peonil súmase a outros proxectos de mellora da rede de camiños para a veciñanza postos en marcha polo Concello de Ames nos últimos meses, como a recentemente anunciada senda de 328 metros entre Biduído e As Mimosas, a vía de 530 metros entre Ventín e Coira, a de 1115 metros entre Outeiro e Costoia ou o camiño de 750 metros entre Sisalde e Agro do Muíño, xa rematado. Neste senso pronunciouse o alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, que destacou a serie de esforzos que se están a realizar dende o Concello por mellorar a seguridade peonil da veciñanza do rural. “Seguimos traballando pola seguridade viaria das nosas veciñas e veciños, especialmente preto de núcleos e zonas polas que sabemos que camiñan habitualmente. Ademais, estas sendas son tamén oportunidades para mellorar as drenaxes e manter en bo estado os nosos camiños”.