O Concello de Ames realizou esta mañá a recepción oficial aos 12 nenos e nenas saharauís que pasan o verán en Ames e Teo con familias de acollida
Esta mañá o goberno municipal recibiu no salón de plenos da Casa do Concello aos 11 nenos e nenas, acompañados das familias amesás de acollida, e un neno do Concello de Teo coa súa familia de acollida, que están pasando o verán en Galicia. A estancia destes rapaces e rapazas nos concellos de Ames e Teo enmárcase dentro do programa de Vacacións en Paz, que desenvolve a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS).
O alcalde de Ames, José Miñones, explicou “en nome da corporación municipal dámosvos as grazas a todas as familias acolledoras que estades hoxe aquí neste acto de recepción. Intentamos darlle a máxima difusión a este programa para dalo a coñecer entre a veciñanza amesá. Grazas a esta difusión conseguimos incrementar de xeito considerable o número de familias de acollida. Dende o Concello de Ames seguiremos colaboración co programa de Vacacións en Paz e coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí”.
O Concello de Ames realizou esta mañá a recepción oficial aos 12 nenos e nenas saharauís que pasan o verán en Ames e Teo con familias de acollida. Tamén acudiu Esther Ibarra, representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), entidade que promove o programa Vacación en Paz.
Os nenos e nenas explicaron que durante os meses de verán estiveron gozando das súas vacacións na praia e na piscina. Tamén destacaron que lles gusta moito a gastronomía galega. Todos levaron o seu agasallo: mochilas, material escolar e un pin. Foi unha reunión familiar onde se contaron anécdotas e se intercambiaron experiencias e agradecementos. Neste acto participaron varios concelleiros e concelleiras do goberno municipal así como doutros grupos políticos municipais con representación na corporación municipal.