Os pacientes da área sanitaria compostelá poden facer videochamadas cos seus familiares

337

A Área Sanitaria de Santiago e Barbanza facilita que os pacientes ingresados a causa do COVID-19 poidan realizar videochamadas e así contactar cos seus achegados. Estes enfermos permanecen illados e teñen unha estadía media prolongada no hospital, polo que a xerencia considera moi beneficioso que poidan falar e manter contacto visual con persoas achegadas. Por iso facilítalles os dispositivos e a conexión gratuíta. É unha medida máis que adopta a área compostelá dentro do plan de humanización, coa que, ademais de aplicar o tratamento sanitario aprobado, procura ofrecer os mellores coidados aos doentes que padecen esta patoloxía.

Así, xa se entregaron dispositivos nos controis das plantas onde están ingresados estes pacientes e irán ampliándose á medida que se vaian necesitando. O persoal de enfermería será o encargado de poñelos en conexión cos achegados.

Esta medida súmase ao contacto telefónico diario do equipo médico cos familiares dos pacientes para informarlles da evolución dos enfermos ingresados no hospital, así como o compromiso de tentar comunicar calquera cambio significativo na evolución do doente, de se producir, ao longo do día. Tamén noutros servizos, como urxencias, ou mesmo nas diferentes unidades de coidados críticos (Reanimación e UCI) se comunica telefonicamente para informar da evolución do enfermo.

Chamada telefónica directa á habitación do enfermo
Se dende fora queren falar co enfermo ingresado, a dirección tamén ven de reforzar este servizo de acceso telefónico ás habitacións dando a opción de chamar directamente á habitación. Se o familiar está ingresado no Hospital Clínico, pode contactar directamente co enfermo chamando ao teléfono 981 61 31 68. A continuación irá recibindo instrucións: teclear o número 53, seguido do número de cama (1 ou 2) e despois o número da habitación. (Por exemplo se está na habitación 705 cama 2 tería que marcar o 981 61 31 68 e a continuación o teléfono 532705). Se está no Hospital de Conxo a través do 981 956 400 e despois o 253 seguido do número de habitación. E no Hospital da Barbanza chamarán ao número 981526870 e a continuación escoitará as seguintes instrucións: Teclear o número “26”, seguido de 83 si está na cama 1, ou de 84 si está na cama 2, finalizando cos dous últimos díxitos da habitación. (Por exemplo, si o seu familiar está ingresado na habitación 587, na cama 1 hai que chamar ao 981526870 e teclear 268387).