Os participantes de Amessan foron de visita a Illa de Arousa, Caldas de Reis e Barro

Dende o pasado mes de outubro o Concello de Ames está desenvolvendo unha nova edición de Amessan no que participan arredor de 500 persoas.

449

Este ano, por primeira vez, organizouse unha excursión para os usuarios e usuarias deste programa

Dende o pasado mes de outubro o Concello de Ames está desenvolvendo unha nova edición de Amessan no que participan arredor de 500 persoas. Este programa inclúe actividades de ximnasia terapéutica, manualidades, obradoiros de música tradicional e de memoria, que se desenvolven nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Piñeiro, Tarroeira e Trasmonte. Nesta edición, como novidade, increméntanse dous grupo de ximnasia terapéutica, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro; incrementouse nun mes a duración do programa finalizando a finais de xuño.

Este ano, por primeira vez, organizouse unha excursión para os usuarios e usuarias deste programa. Así, esta pasada fin de semana un grupo de 110 persoas, que participan nas actividades de Amessan, foron de excursión aos concellos da Illa de Arousa, Caldas de Reis e Barro. Na Illa de Arousa visitaron o centro de interpretación da Conserva, o miradoiro O con do Forno, e o parque natural de Carreirón. Despois comeron e bailaron nun restaurante situado no concello de Caldas de Reis, e por último, visitaron a Fervenza da Barosa no concello de Barro. O alcalde de Ames, José Miñones, recibiu aos participantes na excursión cando chegaron de volta O Milladoiro.

A concelleira de Participación e Atención Veciña, Isabel González, explica “a verdade que para min é un orgullo que un programa que naceu no 2004 siga a ter case 500 usuarios e usauarias por todo o concello nas diferentes actividades que se imparten”. Isabel González agradeceulle a concelleira de Turismo da Illa de Arousa pola súa amabilidade e por facernos de guía nas visitas que fixemos. Asemade, agradeceu o traballo dos traballadores e traballadoras municipais e a asistencia dos veciños e veciñas que participaron nesta excursión.