Os Premios Lingua e Empresa 2023 entréganse o xoves 9 de novembro

259
Presentación dos premios
Presentación dos premios

Ames celebra este xoves 9 de novembro unha nova edición dos Premios Lingua e Empresa organizados polo Servizo de Normalización Lingüística municipal. Os galardóns promoven o uso do galego no ámbito empresarial amesán. Manolo Maseda e Xurxo Souto serán os encargados de conducir e amenizar con diversas regueifas a gala, aberta a todos os veciños. A entrega de premios comezará ás 20:30h na Casa da Cultura do Milladoiro.

Existen dúas categorías: a primeira delas, para empresas que hai anos que usan o galego (máis de dous), e a segunda, para aquelas que naceron recentemente ou empregan o galego dende hai menos de dous anos. Na primeira categoría hai 20 empresas este ano, e na segunda hai 13. Isto supón un incremento no número total de concursantes, dos 27 de 2022 aos 32 deste ano. As empresas a concurso son de todo tipo: tendas, salóns de beleza, ópticas, academias, asesorías, produtoras audiovisuais ou empresas de avogados, entre outras. A dotación económica será de 3.000 euros en total, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, o premio inclúe unha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal.