Os Premios Mestre Mateo recoñecen o talento da veciñanza amesá

234

A gran festa do audiovisual galego, os Premios Mestre Mateo, tiveron lugar na noite do 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense. A XXI edición desta gala tivo moi presente a Ames ao recoñecer o traballo en múltiplos ámbitos de veciñas e veciños do municipio. Deste modo, o realizador Pedro Díaz, natural de Proupín, acadou o arelado premio á mellor curtametraxe pola súa curta “La entrega”. Entrevistado pola Revista AMSGO antes da recente gala dos Goya, Díaz sinalaba que o filme recolle “o paradoxo da soidade nun mundo onde a conexión interpersoal é tan sinxela”. “La entrega” narra a historia de Armando, interpretado polo veterano Ramón Barea, un home de 80 anos a quen un trauma descoñecido non permite saír da cas dende hai unha década. Só mantén contacto co exterior por medio dun repartidor que lle envía os pedidos que seu fillo le fai. Un día, dentro destas entregas, recibe algo que acordará vellas pantasmas e memorias.

Federico Pérez

O afamado actor Federico Pérez, un rostro habitual para os espectadores galegos e que reside na parroquia de Bugallido acadou o premio ao mellor actor de reparto polo seu estremecedor papel en “O Corpo Aberto”, un filme de fantasía con toques de terror baseado no relato “Lobosandaus” de Xosé Luís Méndez Ferrín, incluído no seu libro “Arraianos”. Pérez, quen acadou un notable éxito hai dous anos co filme Cuñados, abandona a comedia por un papel duro, onde interpreta a un dos personaxes antagónicos da cinta. Dirixida por Ángeles Huerta, o público puido descubrir nesta película unha reinterpretación do xa clásico ‘Galician noir’ que opta polo fantástico e por recoller as arraigadas lendas de transmigración das ánimas. No ano 1909, un mestre mozo, Miguel, é enviado a unha pequena vila na fronteira entre Galicia e Portugal chamado Lobosandaus, onde axiña asistirá a unha estraña relación a tres bandas e ás consecuencias alén da morte que pode traer un amor clandestino.

Guadi Galego

A lista de veciñanza de Ames premiada complétase coa cantante Guadi Galego polo videoclip da canción Noa, e co veterano Jorge Coira, veciño de Ortoño, pola montaxe da serie “Rapa”. Este produto de Movistar+ tamén percorre o camiño do Galician noir e faino amosando unha das tradicións ancestrais que tamén recolle o filme ‘As bestas’: a rapa das bestas. Escrita por Pepe Coira e Fran Araújo, con Javier Cámara e Mónica López de protagonistas, a historia conta a investigación dun crime por parte dun profesor frustrado e dunha sarxento da Garda Civil, coa celebración da rapa como pano de fondo.

Catro premios que van para o haber de Ames e demostran que hai moito talento residindo nun concello que, ademais, quere afianzar esa posición co desenvolvemento dun gran laboratorio do audiovisual galego vinculado ao centro A Proa no Milladoiro.

Jorge Coira