Os prezos do SAF e do ciclo da auga, a pleno en Ames

118

Ames celebra o primeiro pleno do ano o vindeiro xoves. Entre os asuntos que se tratarán inclúense a revisión de prezos dos contratos do SAF e ciclo da auga. No primeiro dos casos, propónselle ao Pleno desestimar a revisión de prezos que solicita a empresa, dado que non se detectaron novos custos laborais non tidos en conta polo Concello.

No contrato do ciclo da auga, proporáselle ao pleno aprobar a nova revisión de prezos unitarios do contrato de xestión. O incremento sería do 2,24%.

Por outra banda, o pleno tratará senllas mocións da oposición. A primeira, presentada por Espazo Común, pedirá que o vindeiro orzamento inclúa unha partida participativa para as asociacións veciñais. Do mesmo modo, pídeselle que estableza unhas bases de participación para regular os proxectos que se presentan.

A outra moción é do BNG e pide que a Xunta tome medidas ante a “marea plástica” causada polos pellets. A moción reclama que a Xunta faga efectiva a súa colaboración cos Concellos poñendo á súa disposición de inmediato todos os medios técnicos, materiais e humanos suficientes para facer fronte á crise ambiental que están a vivir, entre outras medidas.