Os Reis Magos percorrerán todo Ames o día 5

201

O Concello de Ames presentou esta maá a Gran Festa de Reis na Casa da Cultura do Milladoiro. A festa celebrarase entre os días 3 e 5 de xaneiro incluíndo un amplo programa de actividades por todo Ames. Na presentación estiveron presentes varios dos 82 nenos que formarán parte das cabalgatas, estudantes nos centros IES de Ames, o CEIP de Barouta, o CEIP da Maía, o CEIP Agro do Muíño CEP de Ventín. Acompañáronos o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Mocidade, Carmen Porto; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; Rocío González, de Mirabelle Comunicación; e tres paxes reais, que colaborarán na Gran Festa de Reis.

A programación arrinca coas recepcións dos Reis Magos os días 3 e 4, en Bertamiráns e no Milladoiro, nos pavillóns municipais, de catro e media a oito da tarde (día 3) e de once e media da mañá a dúas do mediodía e catro e media a oito da tarde (o día 4). Fai falta cita previa, que pode pedirse na Sede electrónica do Concello, seleccionando día, hora, e localidade.

O día 5, os Reis percorrerán todo o municipio, visitando os locais sociais das parroquias do rural. Melchor, Gaspar e Baltasar comezarán o día en Ameixenda e Cruxeiras ás 10 da mañá, seguindo por Augapesada ás 10:30h e Piñeiro e Covas ás 11h. Por Tapia e Ortoño pasarán media hora despois, chegando a lens ás 12. En Agrón e Bugallido, a visita será ás 12:30h, seguindo ás 13h por Trasmonte e ás 13:30 por Biduído. Dúas cabalgatas percorrerán as rúas de Bertamiráns e do Milladoiro esa mesma tarde.

A primeira cabalgata será a do Milladoiro, de 17:00 a 18:00 horas. A comitiva real sairá da rúa Agriños, proseguirá pola Travesía do Porto – Rúa Pardiñeiros – Agro do Medio – Rúa de Abaixo – Rúa Raxoeira – Rúa Anxeriz – Rúa Cruxa – Agro do Medio – Rúa Cereixeiros – Travesía do Porto. Ao rematar, as Súas Maxestades desprazaranse ata o pavillón municipal da localidade arredor das 18:00 horas. Alí despediranse dos máis pequenos da casa e darán paso ao espectáculo de animación infantil ”Estrela de mar pincha!”. Ademais, os asistentes poderán desfrutar de rosca con chocolate e de iogures doados por CLUN.

Posteriormente, os Reis chegarán a Bertamiráns, onde a cabalgata será de 19:00 a 20:00 horas. As carrozas sairán da estrada de Lapido, á altura do 108; a continuación proseguirán por Avenida da Mahía – Travesía do Pedregal – Rúa Pedregal – Avenida da Mahía – Avenida da Peregrina ata rematar no pavillón.  Igual que acontecerá no Milladoiro, haberá un fin de festa do pavillón municipal, onde tamén se poderán degustar a rosca con chocolate e os iogures de CLUN. Tamén en Bertamiráns se representará o espectáculo “Estrela de mar pincha!”.