Os socialistas aclamarán a Blas García como candidato á alcaldía o vindeiro 15 no Milladoiro

214

Os Socialistas de Ames anunciaron, despois da ratificación da asemblea de militantes, que Blas García será o candidato á alcaldía de cara as eleccións municipais. “É un orgullo encabezar a lista socialista para seguir traballando polo noso concello”, indicou Blas García tras o anuncio que o ratificaba como candidato.

Blas García, quen leva no cargo de alcalde de Ames dende 2021, está comprometido para continuar o traballo iniciado e poñer en valor todo o realizado neste período. Dende 2015, o concello de Ames experimentou un progreso notable froito da labor socialista no goberno. As boas políticas levadas a cabo no concello de Ames situaron ao municipio como referencia en Galicia, especialmente en materia de conciliación e crecemento da poboación pero tamén noutros eidos como na prevención de incendios ou nos programas de formación e apoio ao comercio local.

O actual alcalde, Blas García, traballou durante o seu mandato por desenvolver un Ames máis habitable a través de proxectos transformadores que mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas como por exemplo a humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro, a creación de sendas peonís, a améndoa central de Bertamiráns ou un posible centro de día para atender ás persoas maiores do rural.

En palabras do vicesecretario xeral dos Socialistas de Ames, Víctor Fernández, “a dedicación de Blas García con Ames e cos veciños é inigualable, e estamos orgullosos de telo como o noso candidato para as eleccións municipais”.

A presentación do candidato terá lugar o próximo xoves, día 15 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro ás 20.30 horas. Dito evento estará aberto a toda a veciñanza e ofrecerá a oportunidade de coñecer máis sobre a visión de Blas García para Ames e o futuro do municipio.