Os socialistas da provincia agradecen o reparto de máscaras do Goberno

251

A Agrupación Provincial Socialista agradeceu hoxe ao Goberno central o reparto de 358.000 máscaras que van ser distribuídas en próximas datas entre os concellos coruñeses e as entidades sociais. Parte deste material, en concreto 117.000 máscaras, xa está na Deputación da Coruña, que o repartirá entre os concellos de menos de 20.000 habitantes prestando unha especial atención ás necesidades dos centros educativos e de entidades como Cruz Vermella, Cáritas ou Cermi, que traballan con colectivos vulnerables ou en risco de exclusión social. “É fundamental a colaboración entre institucións para loitar contra a pandemia, axudando sobre todo ás persoas e entidades do sector social”, afirman os socialistas coruñeses. Con esta nova entrega, son xa unhas 200.000 mascaras as entregadas aos concellos da provincia por parte do Goberno de España en colaboración e a través da Deputación coruñesa. Á marxe das recibidas desde o Goberno, a Deputación repartiu desde o comezo da pandemia máis de 400.000 máscaras entre os concellos da provincia da Coruña, que deciden a finalidade dos equipamentos en función das súas necesidades, distribíndoas entre a cidadanía, negocios e empresas, usuarios dos transportes públicos ou profesionais de servizos esenciais municipais.