Os socialistas de Ames coordinan o congreso que marcará o futuro do PSdeG

O PSdeG presentou hoxe en Compostela o seu vindeiro congreso, que terá lugar os días 7 e 8 deste mes no Auditorio de Galicia, ubicado na mesma cidade. E entre os tres militantes e membros do comité organizador que presidiron esta presentación estiveron nada menos ca dous amesáns: o alcalde do concello, Blas García, e máis Teresa Facal, que foi xefa de gabinete de Pérez Touriño e membro da executiva en varias ocasións. Estiveron acompañados tamén por Ana Pena, concelleira nas Pontes.

Neste XIV Congreso, no que se fará oficial o nomeamento de Valentín González Formoso coma novo secretario xeral da formación logo da súa victoria nas primarias celebradas o pasado 30 de outubro, os socialistas galegos decidirán o seu futuro. Contará con arredor de mil delegados para representar aos en torno a dez mil militantes galegos do partido, que debatirán o contido proposto en 5 comisións distintas: institucións ao servizo do país, plan económico, políticas de benestar, políticas de sustentabilidade e modelo de partido.

Na presentación, García quixo destacar o papel organizador de Facal neste congreso, da que dixo que fixo xunto ao resto do equipo un traballo de meses en apenas unhas semanas. Tamén se anunciou a participación, na xornada do día 7, do secretario de organización estatal do PSOE Santos Cerdán, e no peche o día 8, do secretario xeral do mesmo e Presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. O lema do encontro será “A Galicia que avanza”.