O labor principal consiste no pintado e na limpeza de paredes, para a que as persoas voluntarias reciben unhas sesións de formación que lles permitan axudar do mellor xeito ás necesidades das persoas. Ao mesmo tempo, búscase sensibilizar sobre as condicións de vida e as dificultades as que se enfrontan persoas da súa contorna, e contribuír á vez ao estado de ánimo destas familias ou persoas soas, que reciben das voluntarias e voluntarios un trato próximo e cálido.
Polo momento, o proxecto “Painting for Others” actuou sobre unha vivenda dunha familia amesá, na que se pintaron e adecentaron as paredes, e outros seis fogares xa foron propostos para sumarse á iniciativa. “Estamos encantados de que unha iniciativa solidaria tan potente e tan enriquecedora para todas as partes se poida facer en Ames e se asente como programa importante dentro da nosa acción voluntaria”, indicou o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos.