Pais a nais do IES de Ames piden que a inspección meta man na situación do centro educativo

2856

A directora do IES de Ames non quere dar explicacións aos medios nin entrar en polémicas das “falsedades ditas onte”

Na tarde de onte máis de 60 pais e nais dos alumnos e alumnas do IES de Ames reuníronse no Pazo da Peregrina ante a situación de insostibilidade que se está a vivir no centro educativo de Bertamiráns. Os puntos a tratar foron a normativa de vestimenta do instituto polos casos machistas que se están a dar e os distintos itinerarios ofertados no centro que obrigan en moitas ocasións a escoller relixión como materia para poder completar as horas dispoñibles.

Respecto a situación que se viviu do código da vestimenta, pais e nais denunciaban que as rapazas víanse “criminalizadas dende a dirección do centro pola súa vestimenta xa que lles culpan do que lles sucede por ir vestidas tal e como van”. Os reunidos debatiron o código de vestimenta do instituto no que se din xeneralidades e que foi aprobado nun claustro de profesores sen contar coa decisión dos pais, nais e alumnos. Unha das medidas para paliar esta situación e que propoñen este grupo de pais é a creación dun coordinador ou coordinadora de igualdade para que medie en este tipo de situacións conflitivas por actos machistas.

No tocante aos itinerarios de bacharelato. A situación actual dos rapaces obrigan en ocasións a escoller obrigatoriamente relixión como materia por tema de horas. Segundo mestres presentes na reunión, a directora do centro “colleu a hora de reforzo para engadirlla a unha das materias específicas que teñen que coller polo tanto pasan de 3 horas a 4 horas e moitos dos itinerarios ofertados pasan por escoller relixión na rama de ciencias”.

Acordouse facer unha comisión encargada de facer chegar as queixas á inspección xeral

As críticas hacia a dirección do centro foron claras e acusan a directora do IES de Ames de facer todo o posible para tapar os problemas en vez de solucionalos. Acordouse facer unha comisión que sería a encargada de facer que as súas demandas no tocante das actitudes machistas así como dos itinerarios poidan solucionarse. De tal forma, esta comisión poñerase en contacto coa inspectora do centro e a inspección xeral para solventar a situación que comentan “ven de moito atrás pero a situación xa está no límite”.

Esta redacción púxose en contacto coa dirección do centro e a resposta da directora foi que “non quero entrar en polémicas e non penso facer declaracións respecto as falsedades que se dixeron onte”.