A parroquia da Ameixenda celebra as súas festas

824

A veciñanza celebrará as festas na honra da súa patroa con misas solemnes, actuacións de diferentes grupos musicais e orquestras

Esta fin de semana (os días 25, 26 e 27 de agosto) celébranse as festas na hora de Santa Mariña, na parroquia amesá da Ameixenda. A veciñanza celebrará as festas na honra da súa patroa con misas solemnes, actuacións de diferentes grupos musicais e orquestras, así como con inchables para as máis pequenas e pequenos o domingo 27.

As festas da Ameixenda, na honra da Santa Mariña, comezan este venres, 25 de agosto. Ás 13:00 horas haberá unha misa solemne na honra da patroa da parroquia e da Virxe das Dores, acompañada pola coral Amigos de Javier Otero. Posteriormente, haberá sesión vermú da man do grupo Platinum, que tamén estará amenizando a verbena da noite xunto a orquestra Tamarindos.

O sábado, ás 13:00 horas, celebrarase unha misa solemne na honra do Santísimo Sacramento, acompañada da coral de Bugallido. Este día, a sesión vermú correrá a cargo do grupo de gaitas Os Retranqueiros e do dúo Nueva Era, que actuará novamente pola noite xunto da orquestra Aché.

O último día das festas, o domingo 27 de agosto, terá lugar unha misa solemne á hora habitual, ás 13:00 horas. A misa deste día, que será na honra da Virxe do Rosario, contará coa participación da coral San Juan Apóstol. A sesión vermú será co grupo Alborada, que repetirá tamén pola noite. Durante a tarde, haberá inchables para as máis pequenas e pequenos da Ameixenda.