O Partido Popular corrixe ao alcalde en relación á fonte da Capela da Madalena

Os populares consideran que os comentarios de Miñones vertidos nas redes sociais son unha falta de respecto ao rural de Ames

Fai un par de días o Partido Popular de Ames denunciaba o estado de abandono no que se atopa a fonte da Capela da Madalena, en Piñeiro, e que viña dende fai bastante meses. Dende o primeiro escrito feito no 2016, os populares consideran que Miñones “xa tivo o tempo necesario para saber que a citada fonte non é patrimonio do Arzobispado, senón que se trata dun ben de titularidade municipal”. Aportan como proba a ficha do inventario de bens municipais na que aparecen con referencia FIU/209/0323 a citada fonte.

O grupo municipal popular considera que os comentarios vertidos polo alcalde nas redes sociais como “metedura de gamba” ou “descoñecemento das competencias municipais” son unha burla e falta de respecto ao rural de Ames.

Rematan os populares insistindo en que José Miñones debería “deixar de querer ser importante e intente ser útil aos veciños e veciñas de Ames”.