Os irmáns Paula e Manuel Blanco, veciños de Ortoño, participaron a fin de semana do 25 e 26 de febreiro no Campionato Galego de Kickboxing, na modalidade “tatami sports”. Paula Blanco proclamouse campioa galega en “light contact” e subcampioa en “pointfighting”. Pola súa banda, o seu irmán pequeno, Manuel Blanco, logrou o título de campión na súa categoría en “pointfighting” e rematou segundo en “light contact”.
Paula Blanco, que compite en categoría absoluta, entrou no mundo dos deportes de contacto aos 5 anos, cando empezou a practicar taekwondo como actividade extraescolar. Dende esta arte marcial deu o paso eventualmente ao kickboxing, unha disciplina máis dirixida á competición. No 2016 gañou o campionato de España na categoría previa á absoluta, e dende entón Blanco é considerada deportista galega de alto nivel, tendo logrado varios ouros nos campionatos autonómicos e estatais.
Pola súa parte, o seu irmán pequeno, Manuel Blanco, leva viaxando con Paula dende pequeno a diversos campionatos por toda a xeografía galega e española, o que o animou a practicar tamén este deporte e facerse tamén con numerosas medallas.