Peóns, bicicletas e menos coche privado: o Concello quere unha améndoa central en Bertamiráns

441

Ames é consciente de que precisa regular o seu espectacular crecemento dos últimos anos. Como periferia máis grande de Galicia, conta cunha serie de núcleos urbanos que medraron aceleradamente e carecen dun plan director comarcal que estruture o territorio. O Concello recoñece que “Bertamiráns adoece dunha escaseza de servizos e zonas verdes por número de habitantes, da falta de espacio para a interactuación veciñal, dunha elevada contaminación acústica e dunha gran cantidade de tráfico rodado”. Para afrontar esta situación, apostan por crear “un eixe que vertebre todo o núcleo urbano de Bertamiráns a través da peonalización de rúas e da creación dun espazo cidadán que favoreza o paseo, as actividades comerciais e de ocio sen o uso do vehículo particular”. O obxectivo é facer do centro de Bertamiráns “un espazo atractivo, configurar un espazo de uso maioritariamente peonil” e “crear espazos que favorezan o paseo” a través dunha améndoa central.

A Xunta de Goberno local vai licitar o contrato para a redacción do proxecto por algo máis de 68.000 euros, que nun 80% virán do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A delimitación da améndoa Central de Bertamiráns e as actuacións proxectadas para o espazo viario formarán parte dunha estratexia integral que pretenderá incidir en aspectos sociais, económicos e demográficos.

Espazo do proxecto
A améndoa central de Bertamiráns medirá preto de 16 hectáreas e comprende o entorno da intersección da Avenida da Maía coa Avenida da Peregrina (oeste), a travesía da Peregrina e a Avenida J.L. Azcárraga (norte), Camiño Novo, travesía do Lodeiro e paseo fluvial (este) e as rúas Agrelo e Alcalde Lorenzo (sur).

Con este delimitación preténdese configurar un espazo de uso maioritariamente peonil no que quedarán integrados zonas moi transitadas como a Casa do Concello, o Pazo da Peregrina ou a Praza da Maía. Permitirá, ademais, o acceso a pé a outros puntos de interese coma o parque do Ameneiral, os centros educativos ou os establecementos comerciais. Como normal xeral incrementarase o espazo peonil e implementaranse sentidos únicos de circulación. Tamén desaparecerán as bandas de estacionamento das rúas do Ameneiral, rúa Entrerríos, Agrelo, travesía na confluencia coa avenida da Maía e coa travesía da Peregrina.

O valor do contrato para a readacción do proxecto é de 68.584 euros. Terá unha duración aproximada de 20 meses.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “a través de distintas melloras nas rúas sinaladas, teremos un espazo cidadán que favoreza o paseo, actividades comerciais e de lecer, espazos de centralidade no núcleo, que os faga atractivos para o paseo, as compras e o lecer veciñal, que sexa útil como punto de encontro e relación coa veciñanza e sexa, ademais, un motor comercial e de desfrute do concello”. E engadiu que “coas distintas actuacións contribuirase a mellorar o medio ambiente urbano ambiental, paisaxística e urbanisticamente que conlevará un benestar na poboación”.