Peregrinos Musicales leva, por primeira vez, o seu concerto de Nadal a Ames 

218

A Asociación Peregrinos Musicales traerá, por primeira vez, o seu concerto de Nadal ao Concello de Ames. A cita terá lugar o mércores, 21 de decembro ás 20.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. A poboación poderá gozar da actuación de Sergey Arutyunyan e amigos, un quinteto de corda, que tamén contará cun clavecín. 

“Logo dunha década desenvolvendo o noso tradicional concerto de Nadal en distintos enclaves históricos de Santiago, decidimos achegar a música clásica aos concellos da contorna. E que mellor que comezar por Ames, que dispón dunha destacada Escola Municipal de Música e no que existe unha grande sensibilidade por este xénero”, indica Ilona Timchenko, presidenta da Asociación Peregrinos Musicales, quen tamén agradeceu “a aposta realizada polo Concello de Ames por este concerto de Nadal, que achegará á poboación obras de grandes compositores”.

A entrada este concerto será de balde, previa retirada dos convites a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. As prazas son limitadas, polo que cómpre realizar as reservas con suficiente antelación. 

O concerto de Nadal promovido pola Asociación Peregrinos Musicales en colaboración co Concello de Ames durará aproximadamente unha hora. Sobre o escenario estará a formación radicada en Portugal integrada por Sergey, Alexander e Larissa Shomina (violins), Iacov Arutyunyan (viola), e Bruno Miguel Pinheiro (cello). Neste concerto do Milladoiro tamén participará Ilona Timchenko que estará a cargo do clavecín. O programa estará composto por obras de grandes compositores como A. Vivaldi, N. Milsten, J.S. Bach, ou G. Torelli e tamén unha serie de pezas de Nadal. 

Desde a asociación animan a toda a poboación a achegarse a esta cita e a gozar dunha velada diferente deixándose levar polos acordes do repertorio clásico. “Trátase, ademais, dunha actividade do máis axeitada para gozar en familia e iniciar os festexos de Nadal”, conclúe Ilona Timchenko.