Permitidas as queimas controladas en explotacións agrícolas e reaberto o prazo para limpezas forestais na proximidade do fogar

432

A partir de hoxe pódense solicitar autorizacións excepcionais por razóns fitosanitarias para a queima de restos agrícolas amoreados en explotacións profesionais. Ademais, hoxe volveu abrir, logo da suspensión, o prazo legal para cumprir coa obriga de limpar as faixas secundarias, as que se atopan nos 50 metros máis próximos ás vivendas. Neste caso, a data límite habitual do 31 de maio ampliouse cos días que pasaron de estado de alarma. O prazo, por tanto, esténdese ata o 16 de xullo de 2020, incluído. Son as conclusións máis importantes das dúas resolucións da Consellería do Medio Rural no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A solicitude para levar a cabo as queimas debe enviarse por mail aos Servizos de Prevención de Incendios Forestais das Xefaturas Territoriais da Consellería do Medio Rural, incluíndo unha declaración responsable da persoa titular da explotación que xustifique a necesidade da queima por razóns fitosanitarias. Na solicitude deberase indicar o concello, a parroquia, o lugar e a indicación do número de polígono e número de parcela que aparecen no SIXPAC da finca na que se realizará a queima solicitada, así como as datas nas que se pretende realizala. Na solicitude debe constar ademais o número de inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), así como o número de persoas que comporán o equipo de queima. Este debe ser, como mínimo, de dúas persoas.

Logo de recibir a correspondente autorización por correo electrónico, poderase proceder á queima. Na autorización figurarán todos os datos aportados polo interesado, así como as condicións e as datas nas que se deberá realizar a queima. O enderezo do servizo para tramitar as solicitudes é ccp.coruna@xunta.gal.

Limpeza das faixas secundarias

A Consellería do Medio Rural acordou ademais a continuidade da obriga dos particulares no relativo ás actuacións que forman parte da prevención e loita contra os incendios forestais. Entenden que estas son “indispensables para a protección do interese xeral e para o funcionamento básico dos servizos esenciais” que contempla o Real Decreto que declaouo estado de alarma, como indican dende a Consellería.

As persoas que leven a cabo estas limpezas de faixas secundarias, as máis próximas ao fogar ao atoparse nos 50 metros máis próximos das vivendas, deberán portar unha declaración responsable que comprenda a finca ou fincas nas que van levar a cabo a actuacións, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral. Tamén deberán portar os apeiros, ferramentas ou utensilios necesarios, ou, de non levalos consigo, incluír na declaración responsable que os teñen depositados na parcela ou lugar determinado. Co fin de reducir ao imprescindible a mobilidade das persoas por estas tarefas, recoméndase nos casos en que así estea previsto no convenio de colaboración subscrito entre a Xunta, a Fegamp e Seaga o seu desenvolvemento a través da empresa pública.