Petición de axuda á Deputación para traer de volta a memoria da parroquia de Ames a través de 200 fotografías antigas

59

O Concello de Ames e maila asociación veciñal Pedra do Fuso pídenlle axuda á Deputación da Coruña para editar un libro con máis de 200 fotografías antigas da parroquia de Ames. O concelleiro David Santomil, edil de Patrimonio Histórico, e o secretario da asociación, Alfredo Sánchez, reuníronse con este obxectivo co vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Penas. Nesta xuntanza pediron axuda económica para dar saída a este importante proxecto que xorde do traballo de documentación e recollida de material da veciñanza e leva por nome “Ames. Unha parroquia. Un concello”. A escolma fotográfica é resultado dun labor de anos que procura preservar a memoria colectiva de Ames.

Está previsto que o cronista oficial do Concello, Maximino Viaño (medalla do Concello 2020) sexa o encargado do prólogo. A iniciativa tamén inclúe un proxecto audiovisual no que se lle fará unha entrevista ao cronista.