Pilar Candocia e Chus Boo renuncian as súas actas de concelleiras

1215

As dúas concelleiras manifestaron que teñen unha posición discordante coa evolución de Ames Novo

A Asemblea ordinaria de Ames Novo celebrada na noite de onte no Pazo da Peregrina de Bertamiráns tomou coñecemento da dimisión da ata agora Portavoz do Grupo Municipal, Pilar Candocia, e da tamén Concelleira, Chus Boo como edís do Concello de Ames. Ambas manifestaron que, por unha parte, teñen unha posición discordante coa evolución de Ames Novo e que, ademais, consideran que ao non teren intención de concorrer nas eleccións municipais de 2019 este é o mellor momento para que se produza un relevo nas responsabilidades do Grupo Municipal. Ambas manifestaron a súa vontade de oficializar a súa renuncia de xeito que se produza a preceptiva toma de coñecemento no Pleno Ordinario do mes de outubro.

Unha vez debatidos por parte da asemblea os motivos aducidos polas dúas concelleiras para o seu abandono das súas funcións e diante da irrevogabilidade da súa decisión, abordouse como proceder respecto de Ames Novo en canto que proxecto. A Asemblea foi unánime na determinación de continuar adiante co proxecto político cidadán que representa a Iniciativa Cidadá – Ames Novo, unha das primeiras mareas municipalistas que se constituíron no país. A tal fin encomendáronse ao Coordinador da Iniciativa as xestións necesarias para a substitución das dúas concelleiras dimisionarias. Nas próximas semanas será convocada unha Asemblea Extraordinaria que terá que ratificar a nova composición do grupo municipal e a distribución de responsabilidades dentro da organización.

A Asemblea tamén se mostrou firme na súa decisión de traballar para a presentación dunha candidatura nas próximas eleccións municipais de 2017 construída de acordo cos principios de transparencia e participación establecidos pola Iniciativa Cidadá.