Pili Pampín pecha hoxe o AmesOn de Verán en Bertamiráns

590

Os concertos do programa “AmesON de verán” da Concellaría de Promoción Económica volven por última vez neste 2022 a Bertamiráns. Despois de que a semana pasada o grupo As Maianas actuase no Milladoiro, este venres 26 a protagonista será a cantante Pili Pampín, que estará no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, ás 21:00 horas. A entrada é de balde e non cómpre retirar convite ou inscribirse.

Trátase do penúltimo dos 13 concertos do AmesON, unha iniciativa que conta con actuacións para todos os públicos e con diversidade de xéneros musicais, de xuño a setembro. Só resta xa a actuación da orquestra Panorama, que será a encargada de pechar o “AmesON de verán” o domingo 18 de setembro, no Milladoiro.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, quixo “animar aos veciños e veciñas a que se acheguen ao concerto do AmesON deste venres, un programa que xa está rematando e que está tendo moi boa acollida”.