O pleno municipal aproba o regulamento que porá en marcha Protección Civil

O pleno municipal aprobou por unanimidade a posta en marcha da agrupación de voluntarios de Protección Civil, un servizo demandando dende fai anos.

503

Blas García explicou que coa creación da agrupación de Protección Civil “estamos a corrixir un erro que se leva arrastrando dende fai anos e é un paso importante para Ames”

O pleno municipal celebrando onte, 29 de xuño, pasará a historia como un dos de maior consenso da recente historia da corporación municipal. O alcalde, José Miñones, non puido presidilo por temas de saúde e foi Genma Otero, concelleira de Economía e Facenda e primeira tenente alcalde, a encargada de levar a cabo as funcións de Miñones.

Un dos primeiros temas é o cambio de titularidade da AC-448, nos puntos quilométricos 000-830, que pasa a mans do Concello despois de levar anos reclamando esa posibilidade á Xunta. Este cambio permitirá ao Concello asumir o seu mantemento e que viña reclamado dende fai anos polos veciños. O  seguinte tema foi a actualización dos termos de Urbaser para este 2017, termos económicos que entran dentro dos acordos coa empresa e por temas do IPC.

A creación dunha agrupación de voluntarios de Protección Civil foi un dos seguintes temas que contou coa unanimidade da corporación municipal. O concelleiro de Urbanismo, Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que con esta actuación “estamos a corrixir un erro que se leva arrastrando dende fai anos e é un paso importante para Ames. Necesitamos poñer en funcionamento, canto antes, esta agrupación de Protección Civil”. García explicou que esta agrupación estaría baixo o mandato do alcalde, que ten as funcións de seguridade, e contaría coa figura dun coordinador que se encargaría das xestións diarias. O local de Pousada, construído fai anos e cedido en parte á Xunta, será a súa base principal. Os membros da oposición fixeron fincapé no uso do local agora que estará compartido entre Xunta e Concello.

Pacto x Ames e o Partido Popular estiveron en contra da proposta de Ames Novo pola derogación do RD 16/2012 para garantir a sustentabilidade do sistema nacional de saúde

A concelleira de Turismo, Promoción Económica e Atención Veciñal, Isabel González Cancela, foi a seguinte en explicar o convenio de colaboración para a xestión do programa “Área de Santiago”. González Cancela explicou que este convenio é necesario para Ames xa que aproveitará o tirón turístico de Santiago de Compostela e poderá atraer máis turista ao concello. Esta “Área de Santiago” está formada por 17 concellos e que agora se incoporarán Ames, Brión e Teo e formarán unha comisión entre os diferentes técnicos e INCOLSA para traballar conxuntamente no eido turístico. O voto favorable de toda a corporación da un empuxe a esta iniciativa.

No apartado de propostas, Ames Novo presentou unha relacionada coa derogación do RD 16/2012 do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do sistema nacional de saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións. O concelleiro Quique Costas defendeu que esta real decreto facía que a sanidade pasase dun sistema universal a un de beneficiario e asegurado que recorda ao anterior que se tiña antes da democracia. Pacto x Ames e o Partido Popular defenderon este decreto xa que na súa opinión eliminaba a figura do “turismo sanitario” e facía que a o sistema nacional de saúde mellorara en calidade e sustentabilidade. A liorta entre os bandos da esquerda e da dereita impúxose durante bastante minutos. A votación saíu favorable grazas aos votos do Goberno municipal e de Ames Novo. Pacto x Ames, o PP e o concelleiro non adscrito votaron en contra.

As mocións de urxencia presentadas no pleno estiveron relacionadas coa mellora do convenio económico coa Xunta en relación aos comedores escolares

Pacto x Ames presentou unha iniciativa para o acondicionamento de Cantalarrana, Carballido e arredores que, como ben informou este medio, é unha zona cunha situación deficiente dende fai anos, con mala sinalización e moita densidade de tráfico. Os de Argibay pedían que se puxera unha partida para o arranxo dos problemas detectados. O concelleiro de Obras, Blas García, explicou que debería haber unha responsabilidade por parte da oposición para a presentación de propostas xa que poñer unha partida específica dentro dos orzamentos pechados é algo difícil porque habería que eliminar outra. Argibay e García estiveron botándose en cara acordos do pasado que nunca se cumpriron. A votación rematou coa aprobación de Pacto x Ames, PP e o concelleiro non adscrito e a abstención do Goberno municipal e Ames Novo.

As mocións de urxencia presentadas no pleno estiveron relacionadas coa mellora do convenio económico coa Xunta en relación aos comedores escolares, a aprobación dun proxecto técnico para un camiño en Ameixenda, 43.000 € dentro do plan da Xunta para as melloras dos camiños rurais e instar ao Goberno do Estado o aumento do orzamento contra a violencia machista. Todos aprobados por unanimidade.