Polémica polo xeito de etiquetar ao atleta amesán Tariku Novales na prensa deportiva

200

A Media Maratón EDP Rock ‘n’ Running Series Madrid 2021 celebrouse onte nunha edición onde se pretendía regresar á normalidade despois de dúas cancelacións por mor da pandemia. O atleta amesán Tariku Novales asinou un moi meritorio segundo posto cunha marca de 1 hora, sete minutos e 28 segundos, 17 segundos máis có campión, Toni Abadía.

A nova tería quedado aí de non ser pola cobertura do diario As, onde se referían ao deportista amesán, de 23 anos, como “mozo etíope nacionalizado español e da Federación Galega”. Unha descrición que o propio Novales se apresou a desmentir na súa conta de twitter, onde sinalou que a súa condición é a de cidadán español nacido en Etiopía pero adoptado, non nacionalizado, e onde se referiu a si mesmo como “galego” no canto de ser “da Federación Galega”.

Unhas horas despois, o diario As corrixía a súa información referíndose ao atleta como “o prometedor mozo galego de 23 anos Tariku Novales”. O xornalista autor da información manifestou as súas “máis sinceras desculpas polas incorreccións que puidese cometer” e asegurou terse documentado e achegado unha información que, por outra banda, non considera “en absoluto ofensiva”. “Creo que estamos a crear un problema onde non o hai”, rematou.

En resposta a estas declaracións, Tariku Novales agradeceu que o xornalista se explicase e sinalou que o problema estaba nas “etiquetas” e en como “se conta a información”. Así, sinalou que non é o mesmo falar dun “mozo etíope nacionalizado español e que compite pola Federación Galega” que dun “mozo galego e/ou con ficha na Federación Galega de raíces etíopes”. “Neste caso, e en bastantes outros, a orde dos factores e os factores en si mesmos si alteran o produto”, matizou o atleta, agradecendo en todo caso a rectificación.

Compartir
Artículo anteriorAmes presume de turismo de calidade
Artículo siguienteDomingo de atletismo en Bertamiráns
AMSGO! tráeche a información local do máis preto de ti. Temos soporte online e unha publicación mensual física que repartimos de balde nos negocios, prazas e rúas de Ames.