Pousada honrará á Virxe de Lourdes

Os festexos do domingo comezarán ás 13:00 horas cunha misa solemne e unha procesión na honra da Virxe de Lourdes, que partirá da ermida de San Xoanciño de Pousada

O vindeiro domingo, 27 de agosto, o lugar de Pousada, na parroquia de Ames, celebrará a festividade da Virxe de Lourdes cunha alfombra floral de sesenta metros de longo, unha misa solemne e unha procesión. A festividade contará tamén coa actuación do Coro Parroquial de Ames e da Asociación Cultural Os Castros.

O tapiz floral é elaborado anualmente polos membros da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada, co apoio da veciñanza de varios lugares da contorna. Ao longo desta semana, máis de 20 persoas están a debullar tulla e a esfolar flores, para que o próximo domingo estea lista a alfombra floral de 60 metros de longo, que decorrerá o camiño que una a ermida co campo da festa. O deseño do tapiz é un traballo do Irmán Luís de Oseira.

Os festexos do domingo comezarán ás 13:00 horas cunha misa solemne e unha procesión na honra da Virxe de Lourdes, que partirá da ermida de San Xoanciño de Pousada. No acto participarán o Coro Parroquial de Ames e a Asociación Cultural Os Castros.

A alfombra floral na honra da Virxe de Lourdes comezou a facerse hai, agora, oito anos. A idea foi de María Xosé Bello, presidenta da Asociación Cultural San Xoanciño de Pousada, tras unha viaxe a Celanova, onde se realizan alfombras florais á Virxe da Encarnación. Após esta visita, Bello propúxolle as súas veciñas e veciños facer algo semellante en Pousada.