Premios para establecementos e consumidores no concurso de escaparates de Nadal

419
Escaparate a concurso en 2014

O concurso de Escaparates de Nadal celebrarase un ano máis a iniciativa da Concellería de Promoción Económica. O prazo de inscrición permanece aberto ata o mércores 23 de decembro, e poderá solicitarse de luns a venres pola mañá nas oficinas municipais do Milladoiro ou na Casa do Concello, así como a través da sede electrónica municipal. 

A exposición dos escaparates prolongarase do propio 23 ao 7 de xaneiro. O xurado valorará o atractivo, a medida en que o escaparate convide a comprar na tenda e a orixinalidade, así como a elaboración propia. Tamén se valorará que se utilicen elementos de venda da tenda e materiais de regugallo. O fallo do xurado coñecerase durante o mes de xaneiro. 

O primeiro premio será de 1.000 euros. O segundo, de 700, e o terceiro de 400. O cuarto premio será de 300 euros e o quinto de 100. Os cinco establecementos premiados terán publicidade gratuíta en Ames Radio durante un mes. 

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agarda que este ano a participación volva ser alta pola boa acollida que o concurso soe ter.

Sorteo entre a clientela
Tamén os clientes poderán gañar premios. O Concello entregará 150 boletos a cada establecemento inscrito para distribuír entre a súa clientela. Os boletos depositaranse cubertos nas urnas da Casa da Cultura e na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa da Cultura e Biblioteca, no Milladoiro, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro. 

Todas as persoas participantes poderán gañar un premio de 100 euros para compras no municipio. Sortearanse ata nove premios no mes de xaneiro.