Presentado o proxecto de humanización de Rosalía de Castro

185

Así quedará a N-550 logo da humanización presentada hoxe por Miñones e Blas García.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e mailo alcalde de Ames, Blas García, presentaron no Milladoiro o proxecto de humanización da avenida de Rosalía de Castro.. Trátase dunha obra longamente demandada pola Corporación municipal, presente case na totalidade no acto,  e por toda a poboación do Milladoiro, e na que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana investirá 7,88 millóns de euros, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O proxecto persegue dotar das funcionalidades propias dunha vía urbana o treito urbano da estrada N-550  entre os puntos quilométricos 67+075 e 68+600.

Ángel González, xefe da Demarcación de Estradas, indicou que o proxecto de humanización da avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro, consta de tres partes, dúas delas xa en funcionamento e mailo proxecto que se presentou hoxe. A primeira medida posta en marcha para aliviar o tráfico da N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro foi o desvío de tráfico pesado con MMA>30T a través da autovía autonómica AG-56 e o ramal de “As Galanas”. Esta actuación permite que máis de 100 vehículos pesados ao día non pasen pola avenida de Rosalía de Castro.

Por outra banda, unha segunda medida para aliviar o tráfico na avenida de Rosalía de Castro é o proxecto de mellora da intersección da estrada N-550, no quilómetro 67,150, coa estrada SC-20, no punto quilométrico 10,350. Trátase dunha actuación que se executará na rotonda de entrada á localidade do Milladoiro dende Santiago de Compostela. 

Crearase unha variante de acceso que conectará a saída da AG-56 coa avenida do Muíño Vello sen ter que pasar pola rotonda de entrada ao Milladoiro. Con esta actuación preténdese aliviar o tráfico na glorieta e dispor dun acceso directo cara a zona norte do Milladoiro e cara o parque empresarial Novo Milladoiro. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e conta cun orzamento estimado de 592.196 euros (IVA incluído). Este proxecto está actualmente en trámite de información pública.

Características do proxecto de humanización

Francisco Prego, enxeñeiro que dirixe o proxecto de humanización, foi o encargado de explicar en que consiste o proxecto. Segundo dixo a avenida de Rosalía de Castro disporá dun único carril de circulación en cada sentido e unha mediana con xardín entre os carrís de circulación. Ademais, en función do espazo dispoñible crearanse unha ou dúas liñas de aparcamento con zonas de carga e descarga, así como beirarrúas con maior anchura e un carril bici. A actuación executarase nun trazado dun quilómetro e medio entre a rotonda de entrada ao Milladoiro e maila rotonda que está ao carón do supermercado Gadis. En dita travesía crearanse dúas novas intersección (glorietas); unha delas a altura da rúa Figueiras e da rúa Curuxa, mentres que a segunda estará situada entre as rúas Castelao e a rúa Madalena. 

Deste xeito, a actuación na avenida de Rosalía de Castro converterá a actual travesía, pola que circulan 24.000 vehículos diarios, nunha vía urbana para mellorar a seguridade viaria, impulsar a mobilidade sostible e mellorar a calidade de vida da poboación da súa contorna. O proxecto contempla a reordenación e optimización do espazo público, pavimentación de beirarrúas e carrís de circulación, así como a xeración de itinerarios peonís accesibles. Daráselle prioridade ao transito peonil pero sen restrinxir o tráfico rodado. Ademais, renovaranse as zonas de parada do servizo de transporte metropolitano.

As obras inclúen:

-Reordenación e optimización do espazo público, delimitando uso e funcións de cada unha das zonas

-Pavimentación de beirarrúas, aparcamentos, carrís de circulación e vía ciclista

-Creación dun itinerario peonil accesible.

-Disposición de zonas para viandantes, carga – descarga e aparcamento reservado.

-Reposición de servizos afectados.

-Renovación de firme e adaptación da sinalización existente.

Este proxecto encádrase dentro da Estratexia de Humanización de Travesías coa que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana busca xerar, en relación coa Rede de Estradas do Estado, unha contorna urbana máis accesible, inclusiva e sostible que persegue o impulso da descarbonización da mobilidade urbana e a mellora da calidade do aire a través da potenciación dos traxectos a pé. As medidas de integración promoven a mobilidade de peóns e ciclistas, e outras novas formas de mobilidade, e tenden a reducir os espazos dedicados aos automóbiles e a minorar a velocidade destes, co obxectivo tanto de reducir as emisións á atmosfera como a contaminación acústica.

Proxecto adaptado á mobilidade sostible

O alcalde de Ames, Blas García, cualificou esta presentación como “un día histórico para o concello de Ames e para O Milladoiro. No anterior mandato comezamos o traballo xunto coas distintas asociacións do Milladoiro para reclamar a humanización da avenida de Rosalía de Castro a través dunha plataforma veciñal creada para dita reclamación. Unhas mobilizacións que contaron co apoio de todos os grupos políticos con representación na Corporación municipal e de todas as asociacións. Ditas reivindicacións conclúen coa presentación do proxecto de humanización do Milladoiro”. 

Blas García dixo que “esta obra vai proxectar o que é O Milladoiro do futuro. A través deste proxecto imos a acabar coa división que existe entre a zona antiga do Milladoiro e a zona nova desta localidade. A avenida de Rosalía de Castro vai permitir crear un nexo de unión entre ambas partes do Milladoiro. A humanización desta avenida tamén vai permitir dinamizar esta zona comercial que na actualidade conta con baixos baleiros. A N-550 permitiulle medrar anos atrás O Milladoiro e converterse no núcleo urbano que é na actualidade, pero dita humanización vai axudar ao progreso desta localidade nos vindeiro anos. É un proxecto adaptado á mobilidade sostible e na que se lle dará prioridade ao tránsito peonil sobre o tránsito rodado”. Ademais, o rexedor municipal apuntou que “se está traballando para crear novas bolsas de aparcamento no Milladoiro”.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou que “chegou a hora da transformación do Milladoiro; protexemos as persoas e avanzamos cara a unha mobilidade máis inclusiva e sostible.”, e incidiu en que é o Goberno de Pedro Sánchez o que bota a andar esta obra tan demandada pola veciñanza e que beneficiará os municipios de Ames, Teo e Santiago. Salientou que a actuación creará unha vía máis habitable que dará máis espazo aos peóns e ás bicicletas, e permitirá á veciñanza gozar de novas áreas de lecer. “En pouco tempo veremos como esta estrada se converte nunha vía urbana máis amable a máis segura”, afirmou. 

O delegado avanzou tamén que o Ministerio de Transportes prevé aprobar o proxecto neste primeiro semestre do ano, a fin de licitar as obras no segundo.  “Con esta obra facemos cidade en Ames. Rompemos barreiras e gañamos espazo para as persoas”, remarcou José Miñones, e agradeceulle ao alcalde a súa cooperación. “Os concellos sodes protagonistas da modernización que lidera este Goberno, cun impacto directo na vida cotiá das persoas”, remachou.

Vella reclamación da poboación do Milladoiro

A humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro é unha vella reclamación da poboación desta localidade e de todos os grupos políticos con representación na Corporación municipal do Concello de Ames. En febreiro de 2018 constituíuse a plataforma veciñal N-550, co obxectivo de reivindicar a humanización da avenida Rosalía de Castro como punto peonil e de esparexemento para a veciñanza. Dende hai máis de 25 anos os veciños/as do Milladoiro levan pedindo unha solución para esta vía que atravesa esta localidade amesá en dúas partes, cun denso tráfico, e cunha media de 24.000 vehículos diarios, que xeran problemas de seguridade viaria e peonil.